Lugo acollerá a presentación de “Réquiem”, de Eugénio Outeiro, este venres 19 de xuño

A libraría Trama de Lugo será escenario este venres 19 de xuño, ás 19:00 horas, da presentación do libro *“Réquiem”*, do escritor Eugénio Outeiro, obra galardoada co XXVIII Premio de Poesía Johán Carballeira. No acto, o autor estará acompañado polas poetas Silvia Penas e María Casar.
O poemario, publicado por Xerais, está estruturado como un acto relixioso e constrúese como unha obra coral que rende homenaxe ás persoas asasinadas pola barbarie fascista na Illa de Arousa. A través dos seus versos, a memoria das vítimas entrelázase coa paisaxe e co mar, que se converte nun símbolo tanto de dor como de esperanza.
A obra explora a lembranza colectiva e a necesidade de preservar a memoria fronte ao esquecemento, convertendo a poesía nun espazo de xustiza simbólica e de dignificación das voces silenciadas.