Lugo acollerá a primeira Cátedra de Xestión Cultural especializada en Patrimonio do norte peninsular

GaliciaXa | LugoXa
A USC e a Xunta impulsan unha iniciativa pioneira que arrancará no curso 2026/2027 no Campus de Lugo cun investimento de 50.000 euros
cátedra-de-Xestión-Cultural-USC-Lugo
2 Jun 2026

Lugo converterase nun referente da formación e da investigación en patrimonio cultural coa creación da nova Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a primeira destas características especializada en Patrimonio en todo o norte peninsular e a terceira existente en España.

A iniciativa foi presentada tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a USC, que permitirá a súa posta en marcha na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde xa se imparte o Grao en Xestión Cultural.

O acordo foi rubricado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e pola reitora da USC, Rosa Crujeiras. A Xunta destinará un total de 50.000 euros para o desenvolvemento da cátedra, repartidos en dúas anualidades de 25.000 euros correspondentes aos exercicios de 2026 e 2027.

Durante a presentación, Miramontes cualificou a creación da cátedra como un “fito histórico” que sitúa novamente a Galicia entre os territorios pioneiros neste ámbito. O responsable autonómico destacou que esta aposta reforza o compromiso do Goberno galego coa protección, estudo e difusión do patrimonio cultural, ao que definiu como un dos elementos fundamentais da identidade e da cultura galegas.

A nova cátedra prestará unha especial atención á xestión patrimonial mediante a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento, promovendo tamén a divulgación e valorización dos bens culturais para favorecer a súa conservación e transmisión ás futuras xeracións. Segundo explicou o director xeral, esta iniciativa contribuirá a seguir profesionalizando a protección, a xestión e a difusión do patrimonio da comunidade.

Entre os seus obxectivos figura tamén o fortalecemento do sector cultural tanto en Lugo como no conxunto de Galicia, abordando cuestións vinculadas ás dimensións social, educativa e económica da cultura. Ademais, traballará na identificación das fortalezas e debilidades das industrias culturais galegas e impulsará estudos e análises de alcance internacional, estatal, autonómico e local.

A cátedra fomentará igualmente a colaboración entre o persoal investigador da USC e especialistas de prestixio internacional procedentes dos ámbitos da educación, a investigación e a xestión cultural e patrimonial. Tamén terá como misión formular propostas e políticas culturais adaptadas aos desafíos e necesidades da sociedade actual.

A actividade académica arrancará no curso 2026/2027 e xa conta con varias accións previstas. Entre elas destaca a creación do I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz, unha iniciativa que renderá homenaxe á primeira catedrática de Historia da Arte do Campus de Lugo e representante en Galicia do Icomos. O certame buscará promover a investigación, a innovación, a transferencia de coñecemento e a divulgación no ámbito da cultura e do patrimonio cultural.

O convenio enmárcase dentro do Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Entre as actuacións previstas inclúense accións de investigación e análise, actividades divulgativas, organización de cursos e congresos e iniciativas educativas orientadas a incrementar o coñecemento e a sensibilización arredor do patrimonio cultural.

Pola súa banda, a USC comprométese a facilitar os medios materiais e as instalacións necesarias para o funcionamento da cátedra. A estrutura contará cunha dirección responsable da execución das actividades e cunha Comisión Mixta de Seguimento que se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano para avaliar o desenvolvemento do proxecto.

Durante a presentación tamén interveu a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, quen definiu a creación da cátedra como “unha magnífica noticia para Lugo” por reforzar a conexión entre a universidade e a cidade a través da cultura. A rexedora destacou a relevancia de potenciar os estudos vinculados á xestión cultural nun municipio cun destacado patrimonio histórico, artístico e cultural.

Candia defendeu que Lugo precisa profesionais preparados para protexer, divulgar e xestionar ese patrimonio, converténdoo ademais nunha ferramenta de desenvolvemento. Neste sentido, apostou por seguir fortalecendo iniciativas como esta e por consolidar unha relación cada vez máis estreita entre a universidade e a realidade da cidade.

A alcaldesa sinalou tamén que a nova cátedra pode servir como punto de partida para impulsar fórmulas de colaboración máis estables entre institucións, universidade, profesionais e entidades culturais. Neste contexto, expuxo a posibilidade de avanzar cara á creación dun futuro Patronato da Cultura que permita coordinar esforzos, optimizar recursos e definir unha estratexia cultural compartida para Lugo.

0.095844030380249