Lugo acollerá cinco xornadas de cine arxentino e uruguaio no Festival de Cine Rioplatense

O Vello Cárcere de Lugo converterase entre o 14 e o 18 de setembro nun punto de encontro coa cultura riopratense coa celebración do Festival de Cine Rioplatense, organizado pola Asociación Rioplatenses de Lugo. A programación inclúe cinco películas arxentinas e uruguaias, todas con entrada libre.
A primeira proxección será este luns 14 de setembro, ás 19:15 horas, con "27 noches" (2025), dirixida por Daniel Hendler. O martes 15, ás 19:30 horas, será a quenda de "Alelí" (2019), de Leticia Jorge.
A programación continuará o mércores 16, ás 19:30 horas, con "La odisea de los Giles" (2019), de Sebastián Borensztein. O mesmo director estará presente tamén coa película "Descansar en paz" (2024), que se poderá ver o xoves 17 ás 19:30 horas.
O festival rematará o venres 18 de setembro, ás 19:15 horas, coa proxección da película uruguaia "Historias de canciones que hicieron historia" (2008), dirixida por Adriana Loeff e Claudia Abend.
A iniciativa busca achegar ao público lucense diferentes miradas do cine producido a ambos os lados do Río da Prata e empregar o cinema como vía de encontro coa cultura riopratense.
O festival está organizado pola Asociación de Rioplatenses de Lugo coa colaboración de ArgenVigo, o Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo, a Concellería de Cultura do Concello de Lugo e o Consulado Xeral da República Oriental do Uruguai en Santiago de Compostela.