Lugo acollerá en outubro a Exposición Filatélica Nacional

LugoXa
A Sociedade Filatélica Lucense asegura que se trata dunha “vella aspiración” da cidade “que leva perseguindo desde os anos 60”.
un selo para lugo exfilna concurso
20 Out 2021

Arrinca mañá en Lugo a Exposición Filatélica Nacional (Exfilna 2021), organizada pola Sociedade Filatélica Lucense e que se prolongará ata o domingo 24 de outubro.

O colectivo salienta que acoller Exfilna suporá para Lugo converterse en "importante foco de atención para coleccionistas, afeccionados e para o público xeral". Lembran ademais que se trata dunha "vella aspiración" da cidade "que leva perseguindo desde os anos 60", e que só conseguiron Santiago de Compostela no ano 1965, A Coruña en 1976 e Vigo en 2001.

A Exposición Filatélica Nacional ten dúas vertentes fundamentais. Por un lado, a propia exposición, que se centra na promoción da filatelia como un valor cultural e económico, buscando a difusión desta afición e, por outro, o Campionato de España de Filatelia, que se organiza nas clases Oficial, Maestra e Competición.

Correos, principal patrocinador de Exfilna, emite ademais cada ano unha folla bloque conmemorativa dedicada á cidade na que se realiza a mostra, "e outras emisións durante o período que serán claves para que Lugo se vexa recoñecido a nivel nacional e internacional, xa que non podemos esquecer que a filatelia española é mundialmente recoñecida, admirada e incluso codiciada a nivel de coleccionismo", destacan desde a Sociedade Filatélica Lucense.

Exfilna 2021 desenvolverase en tres escenarios: unha carpa na Praza de Santa María, o salón rexio do Círculo das Artes e a sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Reunirá coleccións de 82 participantes, organizadas en máis de 500 marcos expositores e sumando 80.000 follas de selos, de todas as clases de competición.

exfilna 2021
0.21163702011108