Lugo acollerá o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de voleibol base en xuño de 2026

Presentado o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de voleibol base 2026, que se celebrará en Lugo entre o 25 e o 28 de xuño e que converterá a cidade nun dos principais escenarios do deporte base a nivel estatal.
O campionato, considerado a competición máis importante do voleibol base en España, reunirá seleccións de 17 comunidades autónomas nas categorías infantil e cadete, tanto masculina como feminina nas pistas do Pavillón Municipal, no Palomar
e na Casa do Deporte. En total participarán 76 equipos e arredor de 1.300 persoas entre deportistas, técnicos e persoal federativo, ás que se sumarán milleiros de acompañantes, superando as 3.000 persoas durante os días de competición.
A organización desenvolverase en distintas instalacións deportivas da cidade. O Pavillón Municipal será o escenario das finais, mentres que o Polideportivo Municipal Casa do Deporte, o Polideportivo Municipal O Pombal e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerán parte dos encontros ao longo do torneo.
No acto de presentación participaron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, xunto con representantes da Real Federación Española de Voleibol e outras institucións deportivas e autonómicas.
O alcalde destacou que este evento sitúa a Lugo no mapa do deporte base estatal e pon de relevo a capacidade da cidade para acoller grandes citas deportivas con garantías organizativas e infraestrutura axeitada. Sinalou tamén que non se trata só dun evento deportivo, senón dunha oportunidade para impulsar a proxección da cidade e dinamizar a economía local.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes subliñou o traballo realizado para facer posible a chegada do campionato a Lugo, destacando a coordinación entre institucións e federacións, así como a experiencia organizativa e a rede de instalacións deportivas dispoñibles.
O alcalde incidiu ademais no impacto económico que se agarda para a cidade, que estimou en máis dun millón de euros, debido á chegada de milleiros de visitantes que repercutirán directamente en sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos.
Pola súa parte, a deputada Iria Castro, encadrou "o apoio á competición no compromiso da Vicepresidencia da Deputación co tecido deportivo lucense, que se fortalece con eventos como este, que o sitúan cono referente a nivel estatal".