Lugo acollerá un torneo internacional de Warhammer con acceso directo ao Mundial

Lugo converterase a finais de agosto nun dos grandes centros internacionais dos xogos de estratexia e miniaturas coa celebración da terceira edición de La Voz Open, un evento que terá lugar os días 29 e 30 de agosto no Pazo de Feiras e Congresos. Organizado pola empresa lucense Bandua Wargames e polo podcast especializado La Voz de Horus, o torneo continúa medrando e consolidándose como unha das citas máis destacadas do panorama estatal.
O evento forma parte do circuíto oficial Iberian Open 2026, unha circunstancia que lle outorga unha especial relevancia ao converterse nunha das probas clasificatorias para os World Championships of Warhammer. Deste xeito, Lugo reunirá a xogadores chegados de diferentes puntos de España e doutros países nun encontro que combina competición, estratexia e afección polo universo Warhammer 40.000.
Nesta edición estarán en xogo tres Golden Tickets para o campionato mundial. Os dous primeiros clasificados obterán un Supergolden Ticket, acompañado dunha achega de 800 euros destinada a facilitar a súa participación na cita internacional que se celebrará en Barcelona. Ademais, entregarase un terceiro Golden Ticket ao Best Overall, un recoñecemento ao xogador que compita cun exército pintado por el mesmo, galardón que inclúe unha axuda económica de 400 euros.
Todos os participantes recibirán un Welcome Pack con distintos agasallos e a organización prevé tamén incentivos adicionais para as primeiras persoas inscritas, co obxectivo de reforzar unha competición que gaña peso ano tras ano dentro do calendario internacional da especialidade.
A presentación do torneo contou coa participación do deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; do xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López; e do director de La Voz Open 2026, Pablo Rouco. A Deputación de Lugo colabora coa organización do evento cunha achega de 5.000 euros.
La Voz Open volverá situar así a Lugo no mapa internacional dos wargames e dos xogos de miniaturas, atraendo centos de participantes e afeccionados nunha cita que combina competición de alto nivel, creatividade e convivencia arredor dunha das comunidades máis activas deste ámbito.