Lugo acollerá unha nova edición do festival Zumbanocoiro na praza de Santa María

Lugo volverá vivir unha noite marcada polos sons da música tradicional galega coa celebración dunha nova edición do festival Zumbanocoiro, unha proposta cultural que terá lugar o vindeiro sábado 23 de maio na Praza de Santa María a partir das 20.00 horas.
O festival, recuperado no pasado ano pola asociación A Volta do Agro con motivo do seu 30 aniversario, regresa tras a boa acollida da anterior edición e faino cun cartel que inclúe os grupos Unto Vello, Mediarea, Os Carecos e o propio grupo anfitrión A Volta do Agro.
A iniciativa, impulsada pola asociación organizadora, busca consolidarse dentro da programación cultural lucense como unha cita de referencia para os amantes da música de raíz, reforzando a súa presenza no calendario de eventos da cidade.
A presentación desta edición tivo lugar na Delegación Territorial de Lugo, onde participaron representantes da organización e o delegado territorial Javier Arias.
Javier Arias destacou o apoio da Xunta de Galicia ao festival e puxo en valor o labor de difusión cultural da entidade promotora, especialmente na transmisión do patrimonio musical galego a través dos cursos e xornadas que desenvolven no seu obradoiro.