Lugo acolleu a presentación do catálogo da exposición “As cidades de Colmeiro”

LugoXa
A familia do pintor doou ao Museo Provincial o debuxo “Vista de Lugo con muralla”, realizado durante a visita de Colmeiro á cidade en 1933
21 May 2026

O Museo Provincial de Lugo acolleu a presentación do catálogo da exposición “As cidades de Colmeiro”, unha mostra que pode visitarse na Sala de Usos Múltiples ata o vindeiro 31 de maio. A publicación, coordinada por Carlos Bernández, recolle e contextualiza as obras que forman parte da exposición, integrada por unha selección de creacións que amosan a influencia das cidades nas que viviu ou que coñeceu o artista na súa traxectoria vital e creativa.

A través desta escolma, o catálogo ofrece unha visión singular da obra de Colmeiro, marcada pola pegada de cidades como Buenos Aires, Vigo, París, Lugo, Ourense, Bilbao ou Ámsterdam, espazos que deixaron unha importante influencia na produción artística do pintor pontevedrés.

Durante o acto tamén se formalizou a doazón ao Museo Provincial de Lugo do debuxo “Vista de Lugo con muralla”, realizada pola familia do artista, representada pola súa neta Alba Corral Colmeiro.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a directora do museo, Aurelia Balseiro, recepcionaron a obra, un bosquexo do óleo sobre lenzo do mesmo título que xa formaba parte dos fondos da institución grazas tamén a unha doazón familiar.

Segundo se explicou durante a presentación, Colmeiro realizou este debuxo durante unha visita a Lugo no ano 1933, coincidindo coa súa primeira exposición na cidade, celebrada no Círculo das Artes.

A incorporación desta peza permite achegar unha nova perspectiva sobre o proceso creativo de Colmeiro e amplía os fondos do Museo Provincial relacionados cun dos artistas galegos máis recoñecidos e considerado figura clave da renovación plástica do século XX. Ademais desta obra, a institución conserva outros catro óleos de diferentes etapas da súa traxectoria: “Maternidade” (1934), “Á feira” (1961), “Paisaxe” (1975) e “Panadeiras” (1977/1979).

0.11699199676514