Lugo autoriza a construción de 93 novas vivendas no SUR-K cun investimento superior aos 8 millóns de euros

LugoXa
A Xunta de Goberno Local tamén avanzou na recuperación do sistema de auga rexenerada, na reactivación das obras da rúa Milagrosa e no reforzo dos servizos municipais
Xunta-Goberno-Lugo
3 Aug 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo deu luz verde este luns á construción dun edificio de 93 vivendas na parcela C-11 do SUR-K, situada entre as rúas das Artes e Salvador Velayos. O proxecto inclúe ademais prazas de garaxe, rochos e un local de uso terciario, cun orzamento de execución que supera os 8 millóns de euros.

A actuación enmárcase no desenvolvemento urbanístico desta zona da cidade e permitirá incrementar a oferta residencial nun dos ámbitos de expansión urbana de Lugo.

No apartado de persoal, o Goberno local aprobou a cobertura temporal dunha praza de auxiliar administrativo no Servizo de Contratación e Patrimonio, vacante desde abril de 2025. A medida busca reforzar a capacidade de xestión dun departamento que soporta unha elevada carga de traballo e contribuír a acelerar a tramitación administrativa.

Durante a sesión tamén se aprobou o convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para desenvolver a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios durante o segundo semestre de 2026. Grazas a este acordo, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá dez espectáculos nos vindeiros meses.

Ademais, o Concello avanzou na adquisición de 550 licenzas de protección avanzada EDR para reforzar a seguridade informática da administración local, unha actuación que se realiza ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para impulsar a administración dixital.

Recuperar a auga rexenerada

O executivo municipal informou tamén dos avances no proxecto para recuperar o sistema de reutilización de auga rexenerada para usos municipais non potables. Neste sentido, contratarase unha asistencia técnica para analizar alternativas e redactar a documentación necesaria para poñer en marcha unhas instalacións construídas en 2016 que nunca chegaron a entrar en funcionamento.

O obxectivo é reducir o consumo de auga potable en tarefas como o baldeo de rúas, a limpeza de colectores ou o rego de zonas verdes. Só no servizo de baldeo estímase que poderían substituírse arredor de 27 millóns de litros de auga potable ao ano.

Reactivación das obras da Milagrosa

A Xunta de Goberno Local tamén abordou a situación das obras de humanización da rúa Milagrosa, paralizadas desde decembro de 2025. Segundo informou o Concello, acadouse un acordo coa empresa adxudicataria para retomar os traballos.

Durante a execución detectáronse incidencias non previstas na rede de saneamento, así como a presenza dunha antiga tubaxe de fibrocemento que deberá ser retirada. Mentres se tramita o correspondente proxecto modificado, continuarase coas actuacións que poden executarse de inmediato co fin de reducir as molestias á veciñanza e mellorar as condicións de seguridade e salubridade na zona.

0.12362718582153