Lugo avanza na posta en valor do seu patrimonio con novas actuacións na Muralla e nos espazos arqueolóxicos

Lugo busca seguir avanzando na conservación e divulgación do seu patrimonio cunha serie de actuacións e propostas destinadas a reforzar o seu atractivo como destino de turismo cultural. Entre as liñas de traballo figuran a mellora dos recursos arqueolóxicos, o impulso de novos percorridos pola contorna da Muralla e un maior aproveitamento dos espazos culturais da cidade.
Unha das actuacións que xa está en marcha é a renovación das ventás arqueolóxicas, actualmente en proceso de licitación por parte do Concello. A intervención permitirá mellorar as condicións nas que se conservan e se mostran os restos arqueolóxicos integrados no tecido urbano.
No ámbito da arqueoloxía tamén se expuxo a necesidade de continuar coas escavacións de Santa Eulalia de Bóveda e de avanzar na posta en valor dos xacementos da Sala Porta Miñá e da Casa Hospital de San Miguel. Entre as propostas figura a creación dun centro de interpretación que permita explicar estes recursos e facilitar o seu coñecemento tanto entre a veciñanza como entre as persoas que visitan Lugo.
Novos percorridos e máis presenza da Muralla
A Muralla continúa sendo outro dos eixes para reforzar a oferta patrimonial da cidade. Neste sentido, proponse impulsar a Ronda Interior da Muralla, no tramo comprendido entre a Rúa Nova e a Porta de San Fernando, así como desenvolver novas iniciativas que contribúan a destacar a súa condición de Patrimonio da Humanidade.
Entre estas ideas atópase a instalación do anagrama de Patrimonio da Humanidade na Mosqueira e na Porta de San Fernando mediante unha composición realizada con flores, unha proposta pensada tamén para aumentar a visibilidade deste recoñecemento.
O patrimonio natural tamén entra nestas propostas de mellora. Un dos obxectivos é recuperar as vistas sobre a Ponte Romana e o val do Miño desde a zona da pérgola do Parque Rosalía de Castro. Esta cuestión xa fora trasladada por Lugo Patrimonio e pola Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) nun escrito presentado en marzo de 2026.
Máis actividade nos espazos culturais
Outro dos retos pasa por sacar un maior partido dos equipamentos culturais da cidade. Neste apartado, abordouse a posibilidade de incrementar o uso cultural do Pazo de Dona Urraca e do Hospital de San Miguel da Tinería, ademais de buscar novas fórmulas para aproveitar o potencial do MIHL, considerado actualmente infrautilizado.
Tamén se puxo sobre a mesa a mellora das proxeccións da sala do Vello Cárcere e a organización de xornadas dedicadas á historia e á arte de Lugo, especialmente orientadas a profesionais do turismo e guías que poidan trasladar este coñecemento aos visitantes.
As propostas foron analizadas nun encontro de traballo entre a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e representantes de Lugo Patrimonio, no que se estudaron diferentes vías para continuar avanzando na conservación, interpretación e promoción dos recursos patrimoniais da cidade.
Candia destacou a importancia de combinar a protección do patrimonio coa súa divulgación e aproveitamento turístico. "Lugo ten un patrimonio excepcional e temos que seguir traballando para conservalo, pero tamén para poñelo en valor, explicalo e facelo accesible. O patrimonio é cultura, é identidade e tamén é unha oportunidade para seguir medrando como destino de turismo cultural", sinalou.
O encontro serviu tamén para abordar futuras fórmulas de colaboración entre as partes, entre elas a posibilidade de avanzar cara á creación dun consorcio para a xestión e promoción do patrimonio de Lugo.