Lugo celebra o Día do Libro e prepara un acto colectivo polo 25 de abril na Mosqueira

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polos concelleiros e concelleiras da Tenencia de Alcaldía, felicitou ás libreiras e libreiros da cidade polas actividades organizadas con motivo do Día do Libro.
A edil de Cultura, Maite Ferreiro, puxo en valor a importancia da literatura como “ferramenta de transmisión da nosa lingua” e lembrou o compromiso do goberno local coa promoción da cultura e do libro en galego. Neste sentido, destacou distintas iniciativas orientadas a fomentar a creación literaria, como os premios Trapero Pardo e Ánxel Fole, así como o programa Enredando co Galego, que permite ao alumnado de instituto vivir experiencias de inmersión lingüística.
Ferreiro anunciou tamén a organización dun acto con motivo do 25 de abril, Día da Revolución dos Caraveis. Por segundo ano consecutivo, celebrarase na Mosqueira ás 13:45 horas un canto popular aberto da canción “Grândola, Vila Morena”. A actividade estará dirixida por Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes do ámbito coral da cidade.
A concelleira explicou que a celebración incluirá o reparto de caraveis vermellos, símbolo da revolución portuguesa, así como copias da letra da canción para facilitar a participación da cidadanía.
“Queremos que Lugo celebre o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade”, sinalou Ferreiro, quen definiu “Grândola, Vila Morena” como un símbolo da revolución pacífica e unha chamada á unidade e á esperanza. Engadiu ademais que estes actos reforzan o compromiso do Concello cos valores democráticos, a memoria histórica e a cultura popular.
Deste xeito, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data simbólica na defensa das liberdades e dos dereitos fundamentais, apostando pola acción cultural colectiva como forma de preservación da memoria histórica.