Lugo celebrará os 26 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade cunha xornada de actos o 30 de novembro

LugoXa
A programación incluirá unha homenaxe escolar, a entrega dos premios do concurso de fotografía do Arde Lucus, unha conferencia sobre a conservación do monumento e un concerto no Auditorio Fuxan os Ventos
Muralla-de-Lugo-Patrimonio
27 Nov 2026

O Concello de Lugo conmemorará o vindeiro 30 de novembro o 26 aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade cunha xornada de actividades culturais e divulgativas dirixidas a todos os públicos.

A programación comezará ás 12:00 horas na Mosqueira cunha homenaxe infantil ao monumento. O acto contará coa participación de alumnado dos centros escolares, que se encargará de ler unha frase dedicada á Muralla.

Media hora despois, ás 12:30 horas, a planta baixa da Casa do Concello acollerá a entrega dos premios do concurso de fotografía do Arde Lucus. As imaxes gañadoras permanecerán expostas neste espazo ata o 14 de decembro. Algunhas das fotografías teñen tamén como protagonista a Muralla, presente nunha das celebracións máis representativas da cidade.

A programación trasladarase pola tarde ao Auditorio Fuxan os Ventos. Ás 19:30 horas, o arquitecto Ignacio López de Rego, director do equipo que elaborou os estudos previos do Plan Integral de Conservación e Restauración da Muralla, ofrecerá a conferencia 'Avances no desenvolvemento do Plan de Conservación e Xestión da Muralla Romana de Lugo'.

A xornada rematará ás 20:30 horas cun concerto dos grupos de cámara da Banda Municipal de Música de Lugo, que actuarán por primeira vez no novo auditorio. Participarán as formacións de clarinetes e fagot, saxos e clarinete, e metais e percusión. A actuación terá unha duración aproximada dunha hora e será de acceso gratuíto.

Baixo o lema 'Pedra a pedra, paso a paso e día a día. Unha muralla de orgullo aberta ao mundo', o Concello propón unha celebración que combina a participación dos centros educativos, a fotografía, a divulgación do patrimonio e a música para lembrar a declaración do principal monumento lucense como Patrimonio da Humanidade.

0.13421201705933