Lugo centralizará a atención ambulatoria de saúde mental nun novo espazo no CIS

Lugo contará cun novo espazo para centralizar a atención ambulatoria ás persoas con problemas de saúde mental no edificio anexo ao Centro Integral de Saúde (CIS) da Residencia. A actuación, incluída no Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030, contará cun investimento de 2,25 millóns de euros e está prevista a medio prazo, no horizonte de 2030, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento.
A intervención aproveitará o bloque posterior do edificio que forma parte do complexo sanitario, en funcionamento desde novembro de 2023. O obxectivo é incorporar novos dispositivos asistenciais, mellorar a coordinación dos equipos profesionais e favorecer a continuidade dos tratamentos e o seguimento dos pacientes.
O plan autonómico contempla outras actuacións na provincia, entre elas a mellora das instalacións de Calde e a creación dunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Novos centros de saúde
A transformación das infraestruturas sanitarias de Lugo inclúe tamén a construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón, que se levantará na parcela do antigo colexio para substituír as instalacións actuais. Gómez Caamaño sinalou que o Concello xa ten á súa disposición os terreos e que o seguinte paso será formalizar a cesión ao Servizo Galego de Saúde.
A Xunta dispón dunha proposta técnica para esta infraestrutura, que contará cun investimento autonómico próximo aos 5 millóns de euros e unha superficie aproximada de 1.600 metros cadrados. Unha vez formalizada a cesión da parcela, a previsión é licitar na primavera a redacción do proxecto.
Pola súa banda, tamén continúa a reforma do centro de saúde da Milagrosa. O conselleiro explicou que foi necesario reforzar a estrutura do edificio mediante traballos de saneamento de vigas e piares, o que atrasou o inicio das actuacións máis visibles. A previsión da Xunta é rematar as obras ao longo do vindeiro ano.