Lugo conmemora o 25 de abril cun multitudinario canto popular de Grândola, Vila Morena

A cidade de Lugo sumouse á celebración do 25 de abril, Día da Revolución dos Cravos, cun canto popular aberto de Grândola, Vila Morena na Praza da Mosqueira. O acto estivo dirixido por Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes do ámbito coral lucense, e reuniu centos de veciños e veciñas que participaron nesta homenaxe colectiva arredor dunha das datas máis emblemáticas da historia recente portuguesa.
Durante a celebración, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou a relevancia histórica da xornada e definiuna como “unha das datas máis importantes na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais”. Arroxo asegurou que esta iniciativa reforza o compromiso do Concello de Lugo coa democracia, a memoria histórica e a cultura popular, ao tempo que puxo en valor o carácter participativo dun encontro pensado para compartir coa cidadanía.
As persoas asistentes recibiron caraveis vermellos, símbolo da revolución portuguesa, así como copias da letra da canción co obxectivo de facilitar a participación activa de toda a veciñanza no canto colectivo.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, salientou o valor simbólico e emocional do acto. Segundo explicou, Lugo celebrou o 25 de abril como xa vén sendo tradición: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade. Ademais, subliñou que a canción de Zeca Afonso representa o espírito dunha revolución pacífica e, ao mesmo tempo, unha chamada á unidade e á esperanza.