Lugo contará con 24 novas vivendas públicas na rúa Angelo Colocci

LugoXa
A Xunta licita por 4,3 millóns de euros as obras, que incluirán pisos de entre un e catro dormitorios con garaxe e rocho
licitacion-obras-vivenda-angelo-colocci-Lugo
9 Sep 2026

Lugo contará con 24 novas vivendas públicas na rúa Angelo Colocci tras a licitación das obras de construción do edificio por parte da Xunta de Galicia, cun orzamento de 4,3 millóns de euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro.

O futuro inmoble ofrecerá vivendas de un, dous, tres e catro dormitorios, todas elas con garaxe e rocho. Ademais, contará cun fogar adaptado para persoas con mobilidade reducida.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que o proxecto contempla "fogares cunha construción de calidade, accesibles, luminosos e eficientes enerxeticamente, e con ventilación natural nas dúas fachadas".

A licitación foi publicada este mércores na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, despois de que o Consello da Xunta autorizase o pasado luns o inicio do procedemento. Allegue presentou a actuación xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

As novas vivendas forman parte do incremento do parque público residencial que se está a desenvolver na cidade. Segundo os datos da Xunta, en Lugo están actualmente en marcha 615 vivendas públicas, cun investimento superior aos 120 millóns de euros.

Entre as actuacións previstas ou en execución figuran tamén as 168 vivendas de Garabolos cuxas obras foron licitadas a semana pasada por 30 millóns de euros, así como outras 152 vivendas neste mesmo barrio, cuxos traballos veñen de ser adxudicados.

A Xunta tamén avanza no proxecto para construír 50 aloxamentos na rúa Illa Coelleira e mantén en proceso de adxudicación outras 59 vivendas públicas no barrio de Paradai.

O Goberno galego sinala que estas actuacións forman parte do obxectivo de duplicar o parque público residencial de Galicia, con 4.000 vivendas públicas actualmente en marcha e a previsión de alcanzar as 8.000 antes do remate de 2028 e as 10.000 en 2030, segundo o novo Pacto de Vivenda.

0.19896507263184