Lugo convida os escolares a escribir cartas á Muralla polo seu aniversario

O Concello de Lugo quere dar protagonismo aos máis pequenos na celebración do 26 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, que se conmemora o vindeiro 30 de novembro. Para iso, a través do Servizo de Cultura, puxo en marcha "Cartas á Muralla 2026", unha proposta educativa e cultural que busca implicar a infancia nesta efeméride e achegar o principal símbolo patrimonial da cidade ás novas xeracións.
A actividade está dirixida ao alumnado de primeiro a sexto curso de Educación Primaria dos centros educativos lucenses. Cada participante poderá escribir unha carta manuscrita, integramente en lingua galega e dirixida á propia Muralla, na que terá liberdade para expresar os seus sentimentos, lembranzas, reflexións ou desexos arredor do monumento, da súa historia e da importancia de preservalo.
A través desta convocatoria, o Concello pretende fomentar o uso do galego entre os escolares, estimular a creatividade e a expresión escrita e recuperar o valor da comunicación epistolar. A iniciativa propón aos nenos e nenas que se dirixan directamente á Muralla, como símbolo da historia e da identidade colectiva de Lugo.
Os centros educativos que desexen participar poderán recoller as cartas do seu alumnado e realizar unha entrega conxunta no Servizo de Cultura municipal. O prazo de presentación estará aberto ata o 22 de novembro de 2026. Os escritos poderán remitirse por correo postal á Praza Maior, s/n, ou entregarse persoalmente nas oficinas do departamento, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Cada alumno ou alumna poderá presentar unha única carta, na que deberán figurar o nome e os apelidos, o curso e o centro educativo. Todos os participantes recibirán un detalle conmemorativo por parte do Concello como recoñecemento pola súa colaboración.
Con "Cartas á Muralla 2026", o goberno local incorpora á programación do aniversario unha actividade que busca dar voz aos escolares e facelos partícipes da transmisión do valor histórico e patrimonial deste monumento ás futuras xeracións.