Lugo dá a benvida ao alumnado universitario co programa cultural Aterranocampusterra

LugoXa
Lugo dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa cultural e de lecer que achega a cidade amurallada ao novo estudantado
1 aterra no campus terra lugo
8 Sep 2021

Lugo dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa cultural e de lecer que achega a cidade amurallada ao novo estudantado matriculado este curso na sede universitaria luguesa e favorece a súa integración nas propias dinámicas da urbe coa iniciativa de acollida Aterranocampusterra.

O programa de actividades desenvolverase do 13 ao 15 de setembro e pretende conectar a comunidade estudantil cos demais estamentos da cidade, a través da celebración de diversas actividades lúdicas e culturais que permitan a mocidade coñecer as actividades, servizos e espazos que ofrece tanto a cidade como o Campus de Lugo ao alumnado universitario.

Aterranocampusterra antóllase pois como un plan de tres días de encontro ou convivencia, durante os que o alumnado poderá gozar e participar en clases abertas, ademais de descubrir os diferentes servizos de que dispón a USC neste campus e coñecer a cidade  e as diferentes alternativas que ofrece dende diferentes ópticas. 

Calendario, actividades e inscricións

As actividades incluídas no programa Aterranocampusterra comezarán o luns 13 de setembro coa celebración de diversos talleres na Biblioteca Intercentros e nos servizos de Normalización Lingüística, Deportes e Voluntariado, así como na área de Internacionalización, ao tempo que tamén haberá actividades de fotografía e dobraxe, sesións abertas de danza e teatro, e visitas guiadas a diversos enclaves da cidade con Guido Guía. 

O estudantado universitario estará informado das actividades programadas a través dun código QR que está visible tanto nos carteis destas xornadas de benvida repartidos polos centros do Campus de Lugo, como no material divulgado a través das redes sociais. Este código QR permitirá a cada usuario coñecer o lugar e a data de celebración de cada actividade, ademais de formalizar a súa inscrición para a mesma. 

Algunha das actividades previstas celebraranse os tres días, mentres que outras accións son únicas, tal e como poden ser as visitas á Domus do Mitreo, previstas para os días 14 e 15, a sesión ‘Bailando cos corpos’, a cargo do colectivo Glovo, programada na tarde do mércores, ou os talleres de fotografía e dobraxe, que serán o luns e martes, respectivamente.

Completan o cartel do programa varios espectáculos de música ao vivo.  O grupo Infrarroja será o protagonista do primeiro dos concertos de mantel, un formato ideado para grupos de ata catro persoas, que se celebrará o luns 13, ás 14.00 horas no aparcadoiro do Complexo Docente. Ese mesmo día, Lar Legido actuará ás 22.00 horas no vestíbulo do Auditorio da Facultade de Veterinaria, o escenario que acubillará o martes 14, á mesma hora, unha nova actuación deste batería no segundo concerto de esteira.

O grupo Nebra actuará o martes 14, ás 14.00 horas, no segundo concerto de mantel, que tamén se celebrará na explanada posterior do Complexo Docente do Campus, onde tamén estará instalado un cortador de xamón por xentileza de Torre de Núñez. O programa ‘Aterranocampusterra’ chegará ao seu colofón o mércores 15, ás 21.30 horas, cun concerto de Boyanka Kostova, na Praza de Santa María. As persoas interesadas en asistir como público aos concertos ou á representación teatral que Volta e Dálle Teatro ofrecerá o día 15, ás 19.00 horas, no centro de convivencia de Fingoi, deberán solicitar de balde o convite e a reserva de praza a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.gal.

aterra no campus terra lugo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19495511054993