Lugo e Mondoñedo reunirán expertos e asociacións nas XIX Xornadas do Peregrino 'Abrindo Camiño'

LugoXa | AMariñaXa
A cita celebrarase os días 5 e 6 de setembro e analizará o presente e o futuro dos Camiños de Santiago do Norte coa mirada posta no Ano Santo Xacobeo 2027
XI-Xornadas-abrindo-camiño-2026
19 Aug 2026

Lugo e Mondoñedo converteranse os días 5 e 6 de setembro en puntos de encontro arredor do fenómeno xacobeo coa celebración das XIX Xornadas do Peregrino 'Abrindo Camiño'. O encontro estará centrado nesta edición nos Camiños de Santiago do Norte e reunirá representantes institucionais, asociacións de Amigos do Camiño, especialistas e persoas relacionadas coa investigación, conservación e divulgación das rutas de peregrinación.

A programación foi presentada no Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia; o presidente da Asociación 'Abrindo Camiño' de Mondoñedo e vicepresidente por Galicia da Agrupación do Camiño de Santiago do Norte, José Luis Fernández Ansedes; e o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García Fernández.

As xornadas forman parte do Congreso/Encontro Xacobeo en Galicia e servirán para analizar os retos que afrontan os itinerarios do norte, compartir experiencias entre os distintos territorios polos que discorren e abordar novas iniciativas relacionadas coa conservación e promoción do patrimonio xacobeo. O encontro terá tamén presente a proximidade do Ano Santo Xacobeo 2027.

Primeira xornada en Lugo

O programa comezará o sábado 5 de setembro na capital lucense cunha recepción na Catedral Basílica. A continuación, os participantes realizarán unha visita guiada ao Museo Diocesano e Catedralicio e percorrerán o adarve da Muralla Romana, incorporando así dous dos principais elementos patrimoniais da cidade á primeira parte das xornadas.

A actividade trasladarase pola tarde a O Vello Cárcere, onde terá lugar a inauguración oficial e se desenvolverán diferentes mesas de análise e debate sobre os Camiños de Santiago. Nelas estarán presentes representantes de asociacións procedentes de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, xunto con responsables institucionais relacionados coas diferentes rutas xacobeas.

A primeira xornada concluirá cun concerto da Banda Municipal de Música de Lugo.

Mondoñedo toma o relevo o domingo

As actividades continuarán o domingo 6 de setembro en Mondoñedo cun programa que combinará divulgación, patrimonio e cultura. A xornada incluirá a proxección de traballos audiovisuais relacionados cos camiños de peregrinación, visitas guiadas e intervencións centradas na historia e no patrimonio vinculado ás rutas xacobeas. Unha Romería Xacobea completará a programación.

O encontro reservará tamén un espazo para recuperar a memoria da emigración galega mediante a presentación do documental 'Andrea López Chao, o legado dunha mestra galega en Cuba', centrado na traxectoria social e educativa dunha mestra mindoniense vinculada á colectividade galega na Habana. A produción ten prevista a súa estrea o 27 de outubro no Salón Teatro-Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela.

Na presentación das xornadas participaron tamén Daniel Vázquez Vila, codirector do documental; integrantes da directiva da Asociación 'Abrindo Camiño'; Pilar Falcón Falcón, presidenta da Asociación de Periodistas Gallegos en Madrid; e representantes da produtora Animatium, entre outros asistentes.

As XIX Xornadas do Peregrino 'Abrindo Camiño' contan coa colaboración dos concellos de Lugo e Mondoñedo, a Deputación de Lugo, as dioceses de Lugo e Mondoñedo-Ferrol, a Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e RTV Camiño de Santiago, ademais doutras entidades e asociacións relacionadas coa promoción e divulgación das rutas xacobeas.

PROGRAMACIÓN

0.13185501098633