Lugo elimina o histórico tapón urbanístico de Dona Urraca coa demolición dunha vivenda

O Concello de Lugo completou a demolición do inmoble situado na confluencia das rúas Dona Urraca e López Guntín co Camiño Verde, unha intervención coa que desaparece un dos tapóns urbanísticos históricos da cidade. A retirada da construción permite recuperar espazo para a vía nun punto no que durante anos se viron condicionados tanto o tráfico rodado como o tránsito peonil.
O edificio, que se atopaba deshabitado, ocupaba unha superficie de 91,27 metros cadrados e estaba composto por unha vivenda e un galpón anexo. A súa localización provocaba un estreitamento da calzada que dificultaba a circulación e reducía o espazo dispoñible para os peóns.
A demolición levouse a cabo mediante a execución subsidiaria da orde municipal despois da tramitación dun expediente de ruína. Os informes realizados determinaron a necesidade de derrubar completamente a construción debido "ao esgotamento xeneralizado dos seus elementos estruturais".
A parcela forma parte do polígono de actuación 10.1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Coa desaparición do inmoble, o Concello recupera o terreo necesario para ampliar o espazo viario e mellorar as condicións de mobilidade e seguridade neste punto da cidade.
O Goberno local destaca que a eliminación deste tapón era unha actuación pendente desde había anos e que fora anunciada en diferentes ocasións sen chegar a materializarse. A alcaldesa de Lugo salientou a importancia da intervención porque "para nós ten moito significado, primeiro porque executamos unha cuestión da que tanto se falou e pouco se fixo, e en segundo lugar, porque cumprimos os compromisos que asumimos".
O Concello prevé continuar coa eliminación doutros obstáculos urbanísticos. O seguinte obxectivo será o tapón situado no Camiño de Pipín, nas proximidades do CEIP Cervantes. Segundo explicou a rexedora, "xa se fixo o encargo a Evislusa para iniciar o proceso de expropiación e iniciáronse contactos cos propietarios".
Arroxo atribúe a xestión a Paula Alvarellos
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, cuestionou que o actual Goberno local presente a eliminación do tapón de Dona Urraca como un logro da súa xestión e reivindicou o traballo realizado pola anterior responsable de Urbanismo, a falecida Paula Alvarellos, para sacar adiante un expediente que cualifica de especialmente complexo.
Arroxo explicou que a tramitación se iniciara moito tempo atrás e que atravesara numerosos atrancos administrativos. Neste sentido, asegurou que foi Alvarellos quen dedicou "horas e horas e quebradeiros de cabeza" a avanzar nun procedemento que finalmente permitiu chegar á demolición do inmoble.
O portavoz nacionalista recoñeceu que, malia ter abordado este asunto en varias reunións coa que foi alcaldesa socialista, el non participou directamente na súa tramitación. "Eu non fixen ningún traballo neste asunto, senón que foi ela, que era a responsable de Urbanismo, quen se volcou niso", sinalou.
Arroxo foi especialmente crítico coa alcaldesa, Elena Candia, por reivindicar agora a actuación como un éxito do seu executivo. Para ilustralo, empregou un símil futbolístico e asegurou que Candia "rematou un balón que lle caeu na área pequena e coa portería baleira, despois de que Paula percorrese medio campo con moito esforzo para levar o balón ata aí".
O representante do BNG sostén que Alvarellos tería sido quen culminase a eliminación deste histórico tapón urbanístico de continuar á fronte do Concello e considera unha cuestión de "principios" recoñecer publicamente o seu labor, independentemente das diferenzas políticas entre ambas formacións. Arroxo lamenta, neste sentido, que a presentación da actuación por parte do actual Goberno municipal deixe en segundo plano o traballo desenvolvido durante os anos anteriores.