Lugo estrea CALA, un catálogo arqueolóxico virtual, con casi 200 pezas dixitalizadas

LugoXa
O Catálogo Arqueolóxico Lucus Augusti é un dos máis amplos do país e con maior número de restos, elixidos de entre as escavacións realizadas ao longo dos últimos 40 anos e das pezas máis antigas expostas en museos
catalogo-cala-arqueoloxia
30 Apr 2026

O Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo vén de poñer en marcha o CALA, o Catálogo Arqueolóxico Lucus Augusti, unha ferramenta virtual innovadora e das máis completas do país, polo seu amplo contido así como pola información e aplicacións dispoñibles, que permitirá coñecer de preto case 200 pezas arqueolóxicas para achegarse á historia e ás orixes da nosa cidade, con detalles destes restos, descubertos ao longo da historia da cidade e das últimas catro décadas de escavacións arqueolóxicas. A área de Arqueoloxía leva anos traballando nesta web, á que xa pódese acceder desde a propia páxina do Concello ou a través dun enlace, para coñecer toda a información relativa a cada unha das pezas, con mapas de xeolocalización, imaxes en 3D e toda a bibliografía dispoñible sobre cada un dos restos. A principal novidade, sinala o alcalde de Lugo “é que haberá imaxes en 3D de case 200 pezas, que foron dixitalizadas, polo que moitos dos vestixios que non están expostos en museos e salas de exposición poderanse coñecer a partir de agora a través desta web”.

Miguel Fernández cre que “pese á gran utilidade e ás novidades que incorpora esta web, desde o punto de vista arqueolóxico e didáctico, tamén pon de manifesto a necesidade de contar cun espazo físico adecuado, como é o tan demandado Museo da Romanización, para a exposición das máis de 25.000 pezas e vestixios descubertos ao longo das distintas escavacións realizadas na nosa cidade e que están agardando desde hai décadas para ser expostas, no que podería ser ademais un reclamo turístico e cultural máis para a nosa cidade”.

Por iso, este CALA ven a divulgar unha gran parte de restos descoñecidos ata agora polo público, cun claro afán de dar a coñecer o rico patrimonio histórico de Lugo. Neste sentido, o rexedor lucense, de quen depende directamente a área municipal de Arqueoloxía, asegura que “puxéronse todos os medios a disposición deste proxecto para crear esa ferramenta dixital concibida para a documentación, organización e difusión do patrimonio arqueolóxico da cidade”. Ademais, dáse a circunstancia de que este CALA sae á luz xusto cando se cumpren os 40 anos de escavacións arqueolóxicas na cidade de Lugo.

O novo catálogo permite, a través dunha interface accesible e visual, consultar de forma estruturada un conxunto de pezas e elementos arqueolóxicos vinculados á súa localización orixinal ou documentada dentro do contorno urbano. O proxecto combina dous enfoques habitualmente separados: por unha banda, a lóxica de catálogo, con fichas individuais normalizadas e organizadas por tipoloxías; e, pola outra, a visualización xeográfica, que sitúa cada elemento sobre o mapa, facilitando a súa comprensión en relación coa cidade actual. Este sistema e os conceptos e información que incorpora facilita o emprego do CALA por arqueólogos expertos, persoas profanas na materia, guías turísticos que queiran incorporar máis detalles as súas rutas, e tamén polo ámbito educativo, nas distintas etapas da ensinanza.

En canto ás melloras que introduce este catálogo respecto a outros sistemas de documentación patrimonial, o arqueólogo municipal, Enrique González, destaca “a contextualización espacial real, xa que cada peza preséntase vinculada á súa localización, permitindo entender a súa relación co territorio e coa evolución urbana; o acceso claro e directo á información, evitando a complexidade dos visores técnicos ou das bases de datos institucionais; un sistema estruturado e escalable, por familias ou categorías cun maior orde; a lixeireza tecnolóxica, cunha web sinxela, intuitiva e rapida; e o enfoque divulgativo sen perder rigor, cun equilibrio entre a precisión dos contidos cunha presentación accesible para todo tipo de públicos”.

Dixitalización e difusión 3D

A gran diferencia respecto á maioría de páxinas deste tipo é a incorporación de modelos tridimensionais. Isto constitúe o elemento central do proxecto, ao integrar nun mesmo contorno a documentación avanzada e a difusión accesible do patrimonio arqueolóxico. Así, gracias á dixitalización 3D, pódese xerar un rexistro preciso e verificable das pezas, conservando a súa xeometría e estado nun momento determinado, explican os responsables do CALA.

Este tipo de documentación facilita a análise sen manipulación directa, contribúe á conservación preventiva e actúa como respaldo ante posibles procesos de deterioro ou intervención. Ademais, os modelos dixitais son reutilizables e integrables noutros contextos, optimizando o aproveitamento dos recursos xerados. No ámbito da difusión, explica o arqueólogo municipal “o 3D transforma a experiencia de acceso ao patrimonio, porque fronte á imaxe estática, permite unha exploración interactiva que mellora a comprensión das pezas, facilitando a súa observación desde calquera ángulo e ampliando o acceso a elementos non expostos ou de difícil consulta”.

Ademais, entre os elementos que marcan o novo catálogo e que o distinguen doutros figura a integración de varios aspectos nun único contorno: escala urbana concreta, centrada na cidade de Lugo; a relación directa entre peza e localización; o modelo híbrido entre visor xeográfico e catálogo estruturado; a integración de contido 3D como parte activa da documentación, e o deseño orientado á experiencia de usuario.

Rareza e carácter singular da actuación

Enrique González chama a atención sobre o carácter pouco frecuente no ámbito do patrimonio arqueolóxico a escala municipal. Así, sinala que “habitualmente, os sistemas existentes limítanse a bases de datos técnicas, visores cartográficos independentes ou coleccións dixitais sen vinculación territorial directa”. Sen embargo, neste caso, o proxecto “propón unha integración real e operativa de catálogo, xeolocalización e dixitalización 3D, aplicada de forma específica a unha única cidade”. Esta combinación é moi pouco habitual, especialmente baixo un enfoque que equilibra rigor técnico, accesibilidade e viabilidade tecnolóxica. A singularidade do proxecto radica, polo tanto, “na unificación de múltiples ferramentas nun único sistema coherente; a súa aplicación a escala urbana cun alto nivel de detalle; a incorporación do 3D como elemento estrutural, non accesorio e a súa orientación simultánea á xestión, investigación e difusión pública”, explica o arqueólogo municipal.

Para o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, en definitiva “fíxose un importante e exhaustivo traballo para crear un novo catálogo que non é unicamente unha base de datos nin un visor cartográfico, senón que é unha ferramenta que permite explorar o patrimonio arqueolóxico de Lugo de forma contextualizada, estruturada e accesible, integrando información, localización e representación tridimensional nun mesmo contorno dixital”. Ademais de todos estes aspectos, o rexedor municipal chama a atención sobre “a posibilidade que abre este CALA para ampliar documentación, conservación e difusión do patrimonio, reforzando o seu valor técnico, social e educativo”.

0.12400412559509