As inmediacións das farmacias contarán Lugo con prazas de estacionamento limitado

O Concello de Lugo poñerá en marcha un programa piloto para crear prazas de estacionamento de duración limitada, de entre 10 e 20 minutos, nas inmediacións das farmacias. A iniciativa, denominada "Punto Farmacia", busca facilitar o acceso aos medicamentos, especialmente en situacións de urxencia ou para persoas con dificultades de desprazamento e aquelas que coidan de familiares ou persoas dependentes.
A medida foi acordada co Colexio Oficial de Farmacéuticos, a Policía Local e os servizos municipais de Mobilidade. A primeira praza instalarase na farmacia situada no número 3 da avenida de Ramón Ferreiro, que presta servizo as 24 horas, e posteriormente estudaranse novas localizacións.
A primeira experiencia terá unha duración de seis meses, durante os que se analizarán cuestións como o número de denuncias por un uso indebido, as posibles incidencias de circulación e a valoración da farmacia e das persoas usuarias.
O estacionamento estará reservado exclusivamente aos vehículos cuxos ocupantes acudan á oficina de farmacia correspondente. Segundo o informe da Policía Local, tratarase dun estacionamento de duración limitada e non dunha zona de parada.
As prazas estarán identificadas mediante sinalización vertical e unha delimitación específica no pavimento, que incluirá o símbolo da cruz farmacéutica e a denominación "Punto Farmacia".
A posta en marcha deste programa dá cumprimento a un acordo adoptado por unanimidade polo Pleno municipal o 25 de abril de 2024, a partir dunha proposta do Grupo Municipal do PP consensuada co Colexio Oficial de Farmacéuticos. A proposta contemplaba estudar a reserva de espazos de aparcadoiro limitado nas proximidades das farmacias para facilitar o acceso rápido aos medicamentos.
Unha vez rematado o período de proba, o Concello avaliará os resultados xunto co Colexio de Farmacéuticos, a Policía Local e os servizos municipais de Mobilidade para determinar a posible extensión do programa a outras farmacias que cumpran os criterios técnicos establecidos.