Lugo impulsa o programa +XTi 2025 con novas actividades de lecer e formación para a mocidade

A Concellería de Xuventude e Deportes de Lugo pon en marcha tres novas iniciativas no marco do programa +XTi 2025, orientadas á mocidade lucense e, nalgúns casos, tamén ás súas familias.
As propostas inclúen un curso básico de panadaría e repostaría, unha programación de lecer alternativo en distintos puntos da cidade e unha actividade de iniciación aos deportes de raqueta.
Segundo destacou Jorge Bustos, "desde a concellería queremos ofrecer propostas atractivas que fomenten un lecer seguro e con valores, apostando por alternativas que favorezan o desenvolvemento persoal, a saúde e mesmo a empregabilidade da mocidade". Todas as actividades desenvolveranse entre os meses de abril e xullo, e a inscrición será totalmente de balde.
CURSOS
A primeira das propostas é o curso de Panadaría e Repostaría, que contará con 12 prazas dispoñibles. Impartirase os martes e xoves entre abril e xuño, con clases prácticas na Panadería Ceao. O curso terá unha duración total de 60 horas. O prazo de inscrición abrirase o mércores 16 de abril ás 09:00 horas e rematará o 25 de abril ás 19:00 horas.
A segunda proposta do programa +XTi leva o lecer saudable aos barrios de Lugo mediante unha oferta aberta de xogos alternativos, actividades de predeporte, ximkanas e circuítos deportivos. Esta iniciativa está pensada para mozos e mozas a partir dos 10 anos, non require inscrición previa e non ten límite de prazas. As actividades desenvolveranse os venres, de 16:30 a 20:30 horas, entre os meses de abril e xuño, en tres localizacións distintas da cidade. O Parque da Orquídea (xunto ao CEIP Casás) acollerá as sesións os días 25 de abril, 16 de maio e 6 de xuño; a Rúa Gallego Tato (xunto ao IES Luís Pimentel), os días 2 de maio, 23 de maio e 20 de xuño; e o Parque Rosalía de Castro (zona do miradoiro), os días 9 de maio, 30 de maio e 27 de xuño.
A terceira proposta do programa consiste nunha actividade de iniciación a tres disciplinas deportivas de raqueta: tenis de mesa, squash e bádminton. Está dirixida a persoas de entre 12 e 35 anos, cunha posibilidade de participación en familia, e contará cun total de 15 prazas. As sesións celebraranse entre abril e xullo en diferentes instalacións deportivas da cidade, e a inscrición farase directamente no lugar da actividade.
O tenis de mesa practicarase na Casa da Xuventude os martes e xoves de 16:30 a 19:00 horas, os días 22, 24 e 29 de abril, e 6, 8, 13, 15, 20, 22 e 27 de maio. O squash terá lugar no Pazo Provincial dos Deportes os martes de 16:00 a 19:00 horas e os xoves de 16:00 a 18:00 horas, en datas como o 29 de maio e ao longo do mes de xuño. Pola súa banda, o bádminton celebrarase no Pavillón do Politécnico os sábados de 10:00 a 13:30 horas, os días 3 e 17 de maio, e o 7 de xuño.