Lugo inaugura na Tinería o Espazo Relembra dedicado á vestimenta tradicional galega

LugoXa
O proxecto impulsado por Traxandaina abre un novo espazo cultural centrado na conservación, estudo e divulgación do traxe galego
Espazo-Relembra-Tineria-Lugo
24 May 2026

A contorna histórica da Tinería conta desde agora cun novo espazo dedicado á conservación e divulgación da vestimenta tradicional galega coa apertura do Espazo Relembra, unha iniciativa impulsada polo Grupo Etnográfico Traxandaina coa colaboración do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia.

Durante o acto de inauguración, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que este novo espazo “é algo máis que un espazo expositivo ou un proxecto cultural”, xa que o definiu como “o proxecto de vida de Teresa Astorgano e da súa familia arredor do estudo e conservación do traxe tradicional galego”. A rexedora agradeceu tamén “o seu xesto de xenerosidade por compartir este proxecto de vida cos lucenses e con todas aquelas persoas que nos visiten”.

Candia puxo en valor os anos de recompilación, investigación e traballo desenvolvidos por Traxandaina no ámbito da vestimenta tradicional galega, un labor que converteu ao colectivo nun referente no estudo do traxe tradicional e das particularidades propias de cada zona de Galicia.

O novo Espazo Relembra sitúase nun dos baixos das vivendas propiedade da Xunta de Galicia na rúa do Miño, número 14. A alcaldesa subliñou ademais a coordinación entre distintos departamentos autonómicos para facer realidade esta iniciativa. Neste sentido, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo asumiu a rehabilitación do inmoble, mentres que a Consellería de Cultura colaborou no proceso de musealización e acondicionamento do local.

A rexedora incidiu tamén na necesidade de continuar enchendo de contido cultural e dinamización social unha contorna histórica como a Tinería, impulsando proxectos que contribúan á revitalización do barrio a través da cultura, da tradición e do patrimonio galego. “O traxe tradicional forma parte da nosa historia, da nosa identidade e da memoria colectiva de Galicia”, concluíu.

Traxandaina xa contaba cun importante espazo de difusión no ámbito dixital, impulsado coa colaboración de Política Lingüística, e desde agora dispón tamén dun espazo físico aberto á cidadanía.

0.1291229724884