Lugo inicia a renovación das paradas de bus coa instalación de sete novas marquesiñas

O Concello de Lugo puxo en marcha un plan de renovación e mellora das paradas do transporte urbano que, nunha primeira fase, permitirá instalar sete novas marquesiñas en diferentes puntos do municipio. A iniciativa completarase coa reparación ou substitución das estruturas que presentan danos ou un avanzado estado de deterioro.
Os traballos xa comezaron nas avenidas de Magoi e Fábrica da Luz, onde foron colocadas as dúas primeiras marquesiñas. Nestes momentos quedan pendentes algúns elementos para completar a montaxe, entre eles as cristaleiras e o pavimento.
A actuación pretende mellorar a comodidade das persoas que empregan diariamente o autobús urbano, proporcionando espazos de espera máis adecuados e unha maior protección fronte á choiva, ao vento e ao sol.
Un dos puntos nos que se intervén é a avenida de Magoi, á altura do número 92, onde a anterior marquesiña permanecera danada durante máis de ano e medio tras sufrir un accidente de tráfico. Posteriormente foi retirada, deixando a parada sen esta estrutura de protección. O actual Goberno local critica que a situación non fose resolta polo anterior executivo durante ese período.
O concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, sinalou que a mellora dos servizos municipais require tamén solucionar este tipo de necesidades cotiás e avanzou que o acondicionamento das paradas continuará de maneira progresiva.
Sete puntos incluídos na primeira fase
Ademais das avenidas de Magoi e Fábrica da Luz, está prevista a colocación de marquesiñas na N-640 en dirección á cidade; na rúa Castelao, á altura do número 53; na avenida Paulo Fabio Máximo, no número 48; na avenida Infanta Elena, xunto á rotonda en dirección ao centro; e na rúa Montero Ríos, fronte ao número 83.
Nas próximas semanas continuará a instalación das estruturas restantes, ao tempo que se acometerán reparacións e reposicións noutras paradas que actualmente presentan deficiencias. A planificación municipal prevé ampliar progresivamente estas actuacións a outros puntos de Lugo.
Con este programa, o Concello busca mellorar as condicións de espera dos usuarios e reforzar a calidade do transporte urbano, ademais de favorecer o uso do autobús como alternativa para avanzar cara a unha mobilidade máis sostible.