Lugo inicia a renovación do acceso lateral á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón

O Concello de Lugo iniciará o luns 24 de agosto unha nova fase das obras de renovación integral do acceso lateral á Praza de Abastos desde a rúa Tuñas Bouzón. A intervención comezará coa colocación do valado e a posterior demolición da rampa e das escaleiras existentes.
A actuación permitirá substituír estas estruturas por unha nova rampa e unhas escaleiras adaptadas, cunha menor pendente e deseñadas para facilitar a entrada ao edificio. Durante a execución dos traballos permanecerá pechado este acceso e tamén se verá afectado o espazo utilizado habitualmente para as operacións de carga e descarga.
A pesar das obras, a Praza de Abastos continuará aberta ao público e manterá o seu funcionamento a través das outras tres entradas dispoñibles. A concelleira de Industria e Mercados, Silvia Colmenero, lembrou que outra das alternativas é acceder desde a Praza de Santo Domingo a través do aparcadoiro, que dispón dun ascensor con conexión directa coa planta comercial.
Para reducir as molestias aos profesionais da Praza, o Concello establecerá ademais un horario especial os martes e venres mentres duren as afeccións á zona de carga e descarga. A partir do martes 25 de agosto, as instalacións abrirán ás 5.30 horas nesas dúas xornadas, unha hora e media antes do horario habitual das 7.00 horas.
Esta ampliación busca facilitar unha recepción máis escalonada das mercadorías, especialmente nos días con maior actividade e coincidindo coa celebración do Mercado Tradicional. "Co obxectivo de minimizar o impacto das obras sobre a actividade dos industriais, o Concello ampliará temporalmente o horario de apertura da Praza os martes e venres", explicou Colmenero.
A apertura anticipada será voluntaria para os industriais e non suporá cambios no horario habitual de atención ao público. A medida permanecerá vixente mentres as obras condicionen as operacións de carga e descarga na rúa Tuñas Bouzón.
Con esta intervención, o Concello pretende mellorar a accesibilidade á Praza de Abastos ao tempo que busca compatibilizar os traballos coa actividade diaria de comerciantes, provedores e clientes.