Lugo leva o Arde Lucus a Valladolid cunha representación de 173 participantes de 16 asociacións

O Arde Lucus converteuse nun dos protagonistas da 29ª Feira Internacional de Turismo de Interior (INTUR), celebrada en Valladolid, onde o Concello de Lugo presentou esta festa, recoñecida como de Interese Turístico Internacional, cunha ampla representación de recreación histórica das culturas romana e castrexa.
A expedición lucense estivo formada por 173 participantes de 16 asociacións vinculadas á celebración, entidades que reúnen arredor dun milleiro de persoas. A delegación contou tamén coa presenza da alcaldesa, Elena Candia, e dos concelleiros Damián Carballo e Agustín Gallego, que acompañaron o grupo e participaron nas distintas propostas caracterizados de época.

A programación comezou cun desfile de romanos e castrexos polas instalacións de INTUR, partindo do espazo habilitado pola Xunta de Galicia. Posteriormente, unha das prazas do recinto acolleu unha demostración do tradicional ritual da queimada, unha actividade que se incorporou ao programa por petición expresa da organización da feira.
A promoción da festa trasladouse despois ás rúas de Valladolid. A comitiva percorreu o traxecto entre a praza de Colón e a praza Maior, onde foi recibida polo alcalde da cidade, Jesús Julio Carnero. Durante o encontro, os participantes ofreceron unha recreación da carga entre castrexos e romanos.
No marco desta recepción institucional, a alcaldesa de Lugo entregoulle ao rexedor vallisoletano dous agasallos representativos das culturas que protagonizan o Arde Lucus: un puñal romano e un trisquel castrexo. A xornada continuou cunha nova demostración do conxuro da queimada e outro desfile polo centro da cidade.
A presenza en INTUR serviu tamén para avanzar as datas da próxima edición da festa lucense, que terá lugar os días 17, 18, 19 e 20 de xuño de 2027. Deste xeito, o Concello aproveitou a feira para dar maior proxección ao Arde Lucus e achegar esta celebración a visitantes e profesionais do sector turístico doutros puntos do Estado.
O Concello de Lugo trasladou o seu agradecemento pola acollida recibida en Valladolid e destacou especialmente a participación das 16 asociacións que formaron parte da expedición. A administración local puxo en valor o traballo que estas entidades desenvolven durante todo o ano e a colaboración da cidadanía, fundamentais para preparar as recreacións, dar vida aos personaxes e escenas históricas e manter unha festa que forma parte da identidade da cidade.