Lugo mantén as bonificacións do IBI para as familias numerosas e introduce cambios nos casos de separación ou divorcio

LugoXa
Elena Candia reuniuse con AGAFAN para abordar as modificacións da ordenanza fiscal, que afectan ás 1.269 familias numerosas do municipio; a asociación reclama elevar as bonificacións ata o 90 %
Reunion-con-Afagan-Concello de Lugo
11 Nov 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión con representantes da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) para abordar as necesidades deste colectivo e informarlles dos cambios introducidos na ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). No encontro tamén participou o concelleiro de Política Social, Gustavo Díaz.

Candia explicou que a modificación da ordenanza, promovida polo Goberno local e aprobada no pleno municipal do pasado mes de outubro, mantén as bonificacións na vivenda habitual do 30 % para as familias numerosas de categoría xeral e do 50 % para as de categoría especial. Os cambios afectan ás 1.269 familias numerosas que residen no municipio.

Como principal novidade, a normativa incorpora unha regulación específica para os casos de separación ou divorcio. A partir de agora, considerarase vivenda habitual de cada proxenitor aquela na que estea empadroado, sempre que os fillos e fillas que forman parte do título de familia numerosa estean empadroados na vivenda habitual de calquera dos dous.

Pola súa banda, AGAFAN trasladou ao Concello varias propostas para ampliar as medidas de apoio ás familias numerosas. Entre as súas peticións figura elevar as bonificacións do IBI ata o 90 % e eliminar a esixencia de que todos os membros da unidade familiar estean empadroados na vivenda para poder acceder aos beneficios fiscais. A asociación tamén pediu que se admita o certificado dixital expedido pola Xunta como acreditación suficiente da condición de familia numerosa.

Ademais, propuxo estudar a aplicación de bonificacións noutras taxas e impostos municipais, como a recollida do lixo ou o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), así como nas prestacións doutros servizos municipais. Outra das demandas pasa por ter en conta a renda per cápita das familias á hora de establecer bonificacións, axudas e taxas.

0.15049886703491