Lugo Monumental reclama revisar e reparar os pavimentos de todo o casco histórico

LugoXa
A asociación alerta do mal estado de numerosas lousas, rexistros e tapas de sumidoiros en zonas turísticas como a rúa da Raíña, Santa María, a Praza de España ou a Tinería
deficiencias-obras-peonalización-centro-Lugo
15 Sep 2026

Lugo Monumental solicitou ao Concello de Lugo unha revisión completa dos pavimentos, lousados, tapas de sumidoiros e rexistros de todo o casco histórico ante o deterioro que, segundo a asociación, presentan numerosas zonas da cidade. A entidade pide que, tras avaliar os danos, se programen canto antes as actuacións necesarias para reparar ou renovar os espazos afectados.

A asociación considera especialmente preocupante o estado dalgunhas das principais áreas turísticas do centro histórico, ao tratarse da principal carta de presentación da cidade. Entre os puntos sinalados figuran a rúa da Raíña, a rúa do Bo Xesús, no lateral da Catedral entre a Praza de Santa María e a de Pío XII, a propia Praza de Santa María e a Praza de España.

Nestes espazos, Lugo Monumental detecta lousas rotas, afundimentos e outros desperfectos que, ao seu xuízo, transmiten unha imaxe de abandono que non se corresponde coa relevancia patrimonial e turística destas zonas. A asociación estende a situación á Tinería, á rúa Progreso e a outras vías do centro.

Deficiencias tamén en zonas peonís

Lugo Monumental sinala que o deterioro non pode atribuírse unicamente ao paso de vehículos, xa que tamén existen pavimentos danados en áreas exclusivamente peonís. Entre os exemplos cita a zona da Praza de España situada fronte ás terrazas dos establecementos hostaleiros.

A entidade tamén chama a atención sobre o estado dos rexistros de sumidoiros e outras tapas. Nalgúns puntos, como na rúa da Raíña ou na rúa Progreso, considera que existen desperfectos que poden provocar tropezos e mesmo caídas con consecuencias para os peóns.

Á situación das zonas máis antigas súmanse, segundo a asociación, problemas en elementos instalados en rúas recentemente reformadas. Lugo Monumental sinala que algunhas tapas de rexistro foron executadas cun material que considera inadecuado e que estaría a deteriorarse con rapidez.

Ante esta situación, a asociación pide ao Goberno local que realice unha revisión xeral do estado dos pavimentos e demais elementos do casco histórico para identificar as actuacións prioritarias e acometer canto antes as reparacións ou repavimentacións necesarias.

0.16273903846741