Lugo ofrece obradoiros gratuítos e rutas pola natureza para a mocidade este outono

LugoXa
A programación da Casa da Xuventude desenvolverase do 19 de outubro ao 23 de decembro e inclúe fotografía, cociña, zumba, esgrima, ioga e cinco saídas pola provincia
rutas-Xuventude-Concello-Lugo
17 Oct 2026

A mocidade de Lugo poderá participar este outono nunha nova programación de actividades gratuítas organizada pola Concellaría de Deportes, Infancia e Xuventude. A proposta, dirixida a persoas de entre 14 e 35 anos, desenvolverase na Casa da Xuventude ata o 23 de decembro e combinará obradoiros semanais con saídas ao medio natural.

A iniciativa busca ofrecer alternativas de lecer, deporte e formación persoal sen custo para os participantes. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse a través da páxina formulario.xuventudelugo.gal, agás para a primeira ruta, que require anotarse presencialmente.

O concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, destacou a intención de converter a Casa da Xuventude nun espazo dinámico, con propostas de interese para diferentes perfís da mocidade e accesibles independentemente da situación económica.

Fotografía, cociña, deporte e comunicación

Os luns, entre o 19 de outubro e o 21 de decembro, agás o día 7 de decembro, impartiranse obradoiros de fotografía con móbil e cámara, de 16:30 a 18:30 horas, e zumba, de 20:30 a 21:30 horas.

Os mércores, desde 21 de outubro, a programación incluirá cociña, que rematará o día 16, e esgrima que rematará o día 23, ambas de 17:00 a 19:00 horas, así como ioga, tamén ata o día 23, de 20:30 a 21:30 horas. O obradoiro culinario contará con contidos diferentes segundo o mes: 'batch cooking' e cociña de medo en outubro, cociña da terra en novembro e receitas de Nadal en decembro.

Os xoves, do 22 de outubro ao 17 de decembro, será a quenda de "Fala con seguridade, pisa con forza", unha actividade de 18:30 a 20:30 horas centrada na oratoria, a linguaxe corporal e a autoconfianza.

Cinco saídas ao medio natural

A programación complétase con cinco excursións pola provincia. A primeira terá lugar o domingo 18 de outubro e percorrerá a cuarta etapa do Camiño Cantábrico, entre Burela e San Cibrao. A ruta consta de 14 quilómetros de dificultade fácil, con saída ás 8:30 horas desde a Casa da Xuventude.

A actividade inclúe o transporte e a comida, e dispón de 26 prazas. Debido á proximidade da data, a inscrición debe realizarse presencialmente na Casa da Xuventude, de luns a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

 Intercambio de libros e servizos xuvenís

A Casa da Xuventude manterá tamén o seu Punto BookCrossing, un espazo para intercambiar libros que abre de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas. Pola súa banda, a Casa da Música estará dispoñible os martes de 17:45 a 22:00 horas e de mércores a venres de 17:00 a 22:00 horas.

A oferta complétase co Servizo de prevención de drogodependencias e adiccións comportamentais.

As persoas interesadas poden consultar a programación e formalizar as inscricións en formulario.xuventudelugo.gal, ata completar as prazas dispoñibles. Para obter máis información, tamén está habilitado o teléfono 982 297 444.

0.18588399887085