Lugo organiza catro sesións sobre a PAC para achegar ao rural información sobre axudas e oportunidades

LugoXa
As charlas celebraranse entre outubro e decembro e estarán dirixidas a agricultores, gandeiros e poboación do contorno rural
casa-consistorial-Concello-Lugo
8 Oct 2026

O Concello de Lugo organizará catro sesións divulgativas sobre a Política Agraria Común (PAC) dirixidas a agricultores, gandeiros e persoas vinculadas ao medio rural. A iniciativa pretende achegar ao sector agrogandeiro información práctica sobre os cambios desta política europea e as posibilidades que ofrece.

O obxectivo das xornadas é facilitar que as persoas participantes coñezan de primeira man as novidades da PAC e poidan identificar como aproveitalas no desenvolvemento da súa actividade. As sesións ofrecerán información sobre as axudas dispoñibles, os requisitos que deben cumprir as persoas beneficiarias e os dereitos e oportunidades asociados a esta política da Unión Europea.

As charlas tamén permitirán abordar o impacto das políticas comunitarias no día a día do sector agrario. Ademais, reservarase un espazo específico para que as persoas asistentes poidan formular preguntas e resolver dúbidas relacionadas coa aplicación da PAC.
As sesións serán presenciais, terán un carácter divulgativo e participativo e correrán a cargo de Luisa María Granja Domínguez, enxeñeira técnica agrícola con experiencia no asesoramento rural e agrario.

A primeira das citas terá lugar o 26 de outubro de 2026, ás 16:30 horas, no Local Social de Santo Estevo de Benade. A programación continuará o 11 de novembro, á mesma hora, no Local Social (Palleira) de Santiago de Saa.

A terceira sesión desenvolverase o 17 de novembro, ás 16:30 horas, no Local Social de San Vicente de Burgo, mentres que a última está prevista para o 2 de decembro, tamén ás 16:30 horas, no Local Social de Santa Cristina de San Román.

A asistencia ás catro sesións será libre e non será necesario realizar inscrición previa.

Con esta programación, Europe Direct Lugo busca facilitar que as persoas vinculadas ao rural poidan acceder de maneira directa e comprensible á información relacionada coa Política Agraria Común. A iniciativa permitirá coñecer mellor as ferramentas, obrigas e oportunidades que ofrece a PAC e resolver cuestións concretas sobre a súa aplicación no ámbito agrario.

0.19951295852661