Lugo porá en marcha en decembro un servizo municipal gratuíto de Atención Temperá para nenos de 0 a 6 anos

LugoXa
O recurso contará cun equipo de cinco profesionais no Centro Interxeracional Paco Martín e estará financiado cunha subvención de 440.265 euros da Xunta
Xunta Goberno local lugo
23 Nov 2026

O Concello de Lugo prevé poñer en funcionamento en decembro o novo Servizo Municipal de Atención Temperá, un recurso público e gratuíto destinado a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos con necesidades transitorias ou permanentes no seu desenvolvemento, ou que estean en risco de padecelas. A Xunta de Goberno Local abordou este luns o inicio do procedemento para a súa posta en marcha, que incluirá tamén acompañamento e orientación ás familias.

A unidade estará situada no Centro Interxeracional Paco Martín, onde se están acondicionando os espazos necesarios. Contará cun equipo multidisciplinar de cinco profesionais: unha psicóloga, unha pedagoga a media xornada, unha logopeda, unha fisioterapeuta e unha terapeuta ocupacional.

A previsión municipal é iniciar a atención mediante un contrato ponte mentres se completa a tramitación do procedemento principal de concerto social. O Concello obtivo o pasado 30 de outubro unha subvención de 440.265,60 euros da Xunta de Galicia, ao abeiro da convocatoria para a prestación de servizos da Rede Galega de Atención Temperá 2026-2028, cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus. A axuda permitirá financiar 15.235 horas de atención ata o 31 de outubro de 2028.

O servizo incluirá actuacións de prevención, valoración e intervención para favorecer o desenvolvemento infantil e a autonomía persoal. Cada menor contará cun plan individualizado adaptado ás súas necesidades, con intervencións nas áreas psicomotora, cognitiva, da linguaxe e comunicación, da autonomía e do desenvolvemento social e afectivo. As familias participarán na elaboración do plan e recibirán información, orientación e apoio durante todo o proceso.

A atención será gratuíta e desenvolverase en coordinación cos ámbitos sanitario, educativo e social, seguindo o protocolo da Rede Galega de Atención Temperá. Para acceder será necesario contar cun informe de pediatría e estar empadroado no Concello de Lugo. A derivación poderá iniciarse cando a familia, a escola infantil, os servizos sociais ou outros profesionais detecten posibles dificultades no desenvolvemento, que serán canalizadas a través dos servizos de pediatría.

Un concerto social de 403.576 euros

Para xestionar o servizo, o Concello optou pola fórmula do concerto social, mediante unha convocatoria pública na que poderá participar unha entidade que cumpra os requisitos legais, técnicos e profesionais. A entidade seleccionada achegará o equipo e asumirá a organización e prestación da atención diaria nas instalacións municipais.

A valoración das propostas poderá acadar os 100 puntos e terá en conta especialmente a experiencia e formación dos profesionais, a traxectoria da entidade no ámbito da atención temperá, a calidade do servizo e as medidas de apoio e formación ás familias. O procedemento tamén contempla dar prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando concorran condicións análogas de efectividade, calidade e rendibilidade social.

O concerto terá unha duración inicial de 22 meses, entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de outubro de 2028, cun orzamento máximo de 403.576,80 euros, exento de IVE.

'Aprende Xogando' contará con máis monitorado

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do programa pedagóxico de apoio á conciliación 'Aprende Xogando' á empresa Osventos Innovación en Servizos SL, por 340.595,64 euros, IVE incluído, e unha duración inicial de dous anos, prorrogable por outros dous.

O novo contrato incorpora unha ratio dun monitor por cada cinco nenos e nenas con necesidades educativas especiais e dun por cada dez no resto dos grupos. Ademais, inclúe como mellora 250 horas anuais gratuítas adicionais de monitorado sobre as previstas nos pregos. O programa busca facilitar a conciliación familiar e laboral mediante actividades educativas, lúdicas e de atención á infancia.

Marta Argerich ofrecerá un concerto xunto a Pablo Galdo

A pianista internacional Marta Argerich actuará en Lugo o vindeiro 16 de decembro xunto ao pianista galego Pablo Galdo Vigo nun concerto que terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio Fuxan os Ventos. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o expediente para contratar esta actuación, que será unha das principais citas da programación municipal de Nadal 2026-2027.

A programación completa darase a coñecer nas próximas horas e incluirá numerosas propostas e novidades dirixidas a públicos de todas as idades. Argerich é unha das grandes figuras internacionais do piano e destaca pola súa capacidade para dotar cada obra dunha personalidade propia, o que converte as súas actuacións en citas musicais de especial relevancia. Nesta ocasión compartirá escenario con Pablo Galdo Vigo, pianista galego.

Renovación do sistema das bibliotecas municipais

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación para renovar o mantemento e as licenzas do sistema integrado de xestión bibliotecaria utilizado polas bibliotecas municipais. O contrato terá unha duración inicial de 36 meses e un orzamento total de 7.880,37 euros.

Esta renovación permitirá garantir a continuidade do programa informático que xestiona a información bibliográfica e os servizos das bibliotecas, evitando a necesidade de trasladar os datos a outra plataforma.

Ecovidrio asumirá a xestión dos colectores e a recollida selectiva

O Concello de Lugo tamén aprobou a súa adhesión ao convenio marco coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, a través de Ecovidrio, para a xestión dos residuos de envases domésticos de vidro dun só uso.

O Concello escolleu a modalidade pola que Ecovidrio asumirá a organización e o financiamento integral da recollida selectiva, o transporte e o tratamento dos residuos, así como a limpeza, o mantemento, a reparación e a reposición dos colectores.

O acordo non suporá inicialmente ningún compromiso de gasto para o Concello e contempla, ademais, unha achega de 0,06 euros por habitante e ano destinada a campañas de información e sensibilización sobre a reciclaxe.

0.35348701477051