Lugo quenta motores para a 48ª Semana de Cine, que volverá encher a cidade de películas, homenaxes e cultura

A cidade de Lugo xa se prepara para o inicio da 48ª Semana de Cine, unha cita que converterá diferentes espazos lucenses en puntos de encontro para os amantes do cinema entre o 21 e o 26 de setembro. O festival, impulsado polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, chega así a unha nova edición despois de case cinco décadas de actividade e cunha programación que combinará proxeccións, homenaxes, exposicións, música e diferentes propostas culturais.
A Semana de Cine de Lugo mantén como unha das súas principais características unha programación pensada para públicos diversos, ao tempo que continúa reforzando a relación da cidade co sétimo arte. Ao longo das súas 48 edicións, a iniciativa de Fonmiñá converteuse nunha das citas consolidadas do calendario cultural lucense e nun espazo de encontro para espectadores, afeccionados e profesionais do sector.
Nesta edición, ademais das proxeccións cinematográficas, a organización preparou un amplo programa de actividades complementarias que permitirá ampliar a presenza do cinema a outros ámbitos da cultura lucense.
Entre as propostas destaca a exposición "Do Bimilenario ao Arde Lucus, Lugo 2026", que repasará a historia recente da cidade con motivo dos 50 anos da celebración do Bimilenario de Lugo e dos 25 anos do Arde Lucus. A Semana tamén recuperará a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, que se reincorpora ao programa despois de varios anos de ausencia.
A programación incluirá ademais o irmandamento coa Semana de Cine de Astorga. Lugo e Astorga, dúas cidades bimilenarias vinculadas pola súa historia, quedarán tamén unidas a través do cinema. O acto terá lugar en Lugo o 22 de setembro e terá continuidade en Astorga o 23 de outubro.
As homenaxes terán tamén un papel destacado nesta edición. A Semana lembrará os 60 anos do Club Cultural Valle-Inclán, sociedade lucense fundada en 1966, e recoñecerá a traxectoria de JOSBE, empresa liderada por Benito Cancio Rodríguez e referente na distribución de produtos fotográficos en España. O recoñecemento será recollido polos seus fillos.
Tamén recibirá un recoñecemento o Restaurante Manuel Manuel, dirixido por Manuel Expósito, polos seus trinta anos de colaboración coa Semana de Cine de Lugo, sendo escenario de diferentes inauguracións e clausuras ao longo da historia da cita.
Tres novas placas no Paseo do Cine
O Paseo do Cine de Lugo sumará tres novas placas durante esta edición, elevando a 18 o número de recoñecementos instalados entre a Avenida da Coruña e o Auditorio Gustavo Freire, principal sede do festival.
A primeira estará dedicada ao Festival de Cine de Astorga e descubrirase o 22 de setembro, coincidindo co acto de irmandamento. A segunda terá como protagonista á actriz Benedicta Sánchez, nacida no Corgo, e será descuberta o 23 de setembro. No acto participará tamén o alcalde do Corgo, Felipe Labrada Reija.
A terceira placa estará dedicada á actriz Cristina Castaño, nacida en Vilalba en 1978, e descubrirase o sábado 26 de setembro coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
A Semana de Cine tamén recuperará a figura de Tomás Ares Pena, coñecido como Xan das Bolas, a través dun libro de Manuel Curiel dedicado a este actor, habitual como secundario no cine galego, ao que se renderá así unha homenaxe póstuma.
Cinema tamén para os máis novos
A programación chegará tamén ao público infantil. As mañás na Casa do Saber estarán dedicadas a proxeccións gratuítas ás que serán convidados diferentes centros educativos, especialmente os situados nas proximidades deste espazo.
Outra das sesións especiais será a proxección de "En camino a Leo. Cuando termina el miedo, el amor comienza", película dirixida por Ana Bárcenas Torres e producida en México en 2025. A sesión, que abordará a relación entre xénero e sociedade, celebrarase o venres 25 de setembro ás 20:00 horas no Salón da Deputación.
Antes da película terá lugar unha mesa redonda moderada por Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, na que participarán Mario Alberto Rivas Carro, enfermeiro, psicólogo e académico correspondente da AEG; Nicolás Vera Arencibia, da Asociación de Familias de Menores e Mocidade Trans de Galicia, Arelas; e Alejandro Tripiana González, enfermeiro residente de Pediatría no Hospital Universitario Lucus Augusti.
A programación manterá ademais as colaboracións con Aspnais e coa Asociación Concepción Arenal. Esta última permitirá levar proxeccións aos centros penitenciarios de Bonxe, Monterroso e Teixeiro.
O cinema sairá tamén das salas para chegar ao comercio local, con oito establecementos lucenses que decorarán os seus escaparates con motivo da celebración da Semana.
Música e cinema para abrir a edición
O arranque da 48ª Semana de Cine terá tamén un importante compoñente musical. O concerto inaugural correrá a cargo da Banda Sons e Soños, unha formación impulsada polos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol e dirixida por Armando Morales.
O repertorio estará dedicado á música de películas e contará inicialmente coa participación do músico lucense Abraham Cupeiro, colaborador habitual da Semana de Cine de Lugo.
A edición contará ademais cun cartel realizado polo artista lucense Diego As, que será tamén a portada do xornal e do libro programa. A imaxe estará vinculada á homenaxe aos cen anos do nacemento de Marilyn Monroe, protagonista destacada desta edición.
Con todas estas propostas, Lugo afronta unha nova Semana de Cine que, entre o 21 e o 26 de setembro, volverá levar o sétimo arte a diferentes espazos da cidade e prolongará unha relación coa cultura cinematográfica que se mantén viva desde hai 48 anos.