Lugo recorre ao programa 2 % Cultural do Goberno para impulsar o Museo da Romanización

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou que o Concello presentará a solicitude ao Programa 2 % Cultural do Goberno de España como vía para obter financiamento estatal destinado á conservación e posta en valor do patrimonio histórico e artístico, centrando o proxecto no antigo Cuartel de San Fernando para a creación do Museo da Romanización.
Esta decisión chega tras a falta de compromiso efectivo da Xunta de Galicia, administración competente en materia de patrimonio arqueolóxico, que ata agora non respondeu ás peticións do Goberno local.
Fernández destacou que o Museo da Romanización é “un proxecto de cidade irrenunciable” e que o Concello seguirá buscando recursos ata garantir a súa realización. A axuda do 2 % Cultural podería cubrir o 75 % do investimento, permitindo ao Concello asumir o 25 % restante dentro do orzamento de 2026, aínda que en caso de non obter a subvención, Fernández subliñou que esixirá á Xunta asumir o seu compromiso como administración competente, cun mínimo do 15 %.
O rexedor lamentou que mentres a Xunta destina millóns de euros a outros proxectos culturais, como a recuperación do cine Fraga en Vigo ou os investimentos no Pazo de Lourizán, Lugo segue sen resposta, o que supón un agravio para a cidadanía lucense. Con máis de 15.000 pezas arqueolóxicas catalogadas baixo custodia municipal, a cidade precisa dun espazo estable e especializado que permita a súa conservación, estudo, difusión pública e uso educativo, reforzando así o seu potencial como destino cultural de referencia.
A presentación do proxecto ao 2 % Cultural considérase unha oportunidade para mobilizar recursos estatais e avanzar na concreción dunha intervención patrimonial de primeira orde, estimulando á Xunta a reforzar o seu compromiso e garantindo que Lugo avance cunha folla de ruta clara e segura para este equipamento histórico.