Lugo recupera o quiosco da Praza Maior como novo punto de información turística e servizo de aseos públicos

O Concello de Lugo recuperou para uso da cidadanía o quiosco da Praza Maior, que abriu esta semana convertido nun novo espazo de servizo público. As instalacións albergan un punto permanente de información turística e un servizo de aseos públicos, dando cumprimento ao compromiso do Goberno municipal de devolver este inmoble á cidade cunha función útil tanto para os veciños como para as persoas que visitan a capital lucense.
A alcaldesa, Elena Candia, acompañada polos concelleiros de Turismo e Museos, Agustín Gallego, e de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, visitou este martes as instalacións para comprobar o seu funcionamento tras a súa posta en marcha.
O novo servizo permanecerá aberto todos os días en horario de 10:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Durante esa franxa horaria, os usuarios poderán acceder tanto ao punto de información turística como aos novos aseos públicos.
Durante a visita, a rexedora lembrou que esta actuación responde a un compromiso asumido polo Executivo local poucas semanas despois de acceder ao Goberno municipal. Candia destacou que se trata dunha intervención que contribúe a mellorar de maneira directa o día a día da cidade, ao cubrir unha necesidade moi demandada na Praza Maior.
A alcaldesa subliñou que, en ocasións, gobernar tamén implica resolver cuestións sinxelas pero fundamentais para a veciñanza, lembrando que este espazo levaba moito tempo sen contar cun servizo tan básico como uns baños públicos. Segundo indicou, a recuperación do quiosco permitiu dar resposta a esa carencia e transformar un inmoble que permanecía pechado nun equipamento útil para toda a cidadanía.
A apertura deste novo equipamento foi posible tras culminar a incorporación do inmoble ao patrimonio municipal e executar os traballos necesarios para a súa adecuación. O quiosco pasou a ser propiedade do Concello despois de finalizar o procedemento administrativo iniciado tras quedar deserta a poxa pública celebrada o 21 de maio de 2026. Ao abeiro do Regulamento Xeral de Recadación e tras acreditarse o interese público da actuación, o Concello impulsou a súa adxudicación para destinalo a un uso de interese xeral.
O inmoble, cunhas dimensións aproximadas de 4,80 metros de longo, 2,18 metros de ancho e 3,85 metros de altura, recupera agora a finalidade pública para a que foi concibido, despois de permanecer varios anos sen actividade.