Lugo reforzará o acceso ás instalacións deportivas dos institutos fóra do horario lectivo

LugoXa
O Concello e a Xunta asinan un convenio que permitirá consolidar o uso dos pavillóns por parte dos clubs e ampliar progresivamente o modelo ao resto dos centros públicos
pavillons-institutos-lugo
31 Jul 2026

O Concello de Lugo e a Xunta de Galicia deron un novo paso para ampliar a dispoñibilidade de instalacións deportivas na cidade coa sinatura dun convenio de colaboración que regula o uso dos espazos deportivos dos institutos de titularidade autonómica fóra do horario escolar. O acordo, rubricado pola alcaldesa, Elena Candia, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, permitirá consolidar unha actividade que xa viñan desenvolvendo diferentes entidades deportivas e establecer un marco estable para o seu funcionamento.

A posta en marcha do convenio comezará nos pavillóns dos institutos IES Ollos Grandes e IES Lucus Augusti, dous dos recintos con maior demanda por parte dos clubs da cidade. Neles desenvolven a súa actividade un total de nove entidades deportivas, que poderán continuar empregando estas instalacións durante as tardes e as fins de semana baixo un sistema regulado.

O obxectivo é estender progresivamente este modelo aos sete institutos dependentes da Consellería en Lugo. Deste xeito, tamén se incorporarán no futuro as instalacións dos IES Sanxillao, Leiras Pulpeiro, Muralla Romana, Ánxel Fole e Politécnico de Lugo, incrementando a oferta de espazos para a práctica deportiva e favorecendo un maior aproveitamento dos equipamentos públicos.

O convenio define con detalle as responsabilidades de cada administración. O Concello asumirá a tramitación das autorizacións necesarias ante as direccións dos centros, designará unha persoa responsable das actividades, contará cun seguro de responsabilidade civil, encargarase da limpeza das instalacións tras cada uso e contribuirá aos gastos ordinarios de funcionamento, como o consumo de electricidade, auga ou calefacción, en función do tempo e dos espazos utilizados.

Durante o acto, Elena Candia destacou que este acordo permitirá ofrecer maior seguridade xurídica ás entidades deportivas e facilitar o seu traballo diario, ao tempo que optimiza o uso dunhas instalacións públicas que permanecen dispoñibles fóra da actividade docente.

A alcaldesa tamén agradeceu a colaboración da Consellería para facer realidade esta iniciativa e asegurou que ambas administracións continuarán colaborando para ampliar as oportunidades que o deporte ofrece á cidadanía. Na sinatura estiveron presentes os directores dos institutos Ollos Grandes e Lucus Augusti, así como representantes de distintos clubs deportivos da cidade.

0.1332368850708