Lugo reivindicará o papel histórico das mulleres na zanfona cun ciclo musical e formativo

Germán Díaz, a través da iniciativa “Lugo, capital da zanfona”, xunto con Zanfonistas Ibéricos Asociados, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), impulsan un novo ciclo musical e formativo destinado a poñer en valor o papel das mulleres na historia da zanfona. A proposta busca revisar este legado desde unha mirada contemporánea, situando no centro a creación e interpretación feminina.
A iniciativa desenvolverase a través de concertos e cursos que abordarán a evolución histórica da zanfona desde diferentes momentos e linguaxes musicais. Os organizadores destacan que as actividades estarán guiadas por mulleres pioneiras no estudo e interpretación do instrumento, recoñecidas internacionalmente como referentes nos seus respectivos ámbitos.
Segundo explican os promotores, a zanfona é un instrumento milenario ligado a Galicia desde a Idade Media ata a actualidade. Santiago de Compostela converteuse durante séculos na súa capital simbólica e, xa a mediados do século XX, Lugo pasou a ser un dos principais centros de referencia grazas ao labor filantrópico de Antonio Fernández.
A organización tamén lembra que a iconografía histórica conserva numerosas representacións de mulleres tocando a zanfona ao longo dos séculos, desde a raíña María Leszczyńska ata damas da aristocracia europea do século XVII ou mulleres cegas galegas que utilizaron o instrumento como medio de vida e transmisión cultural. Porén, sosteñen que esta presenza feminina permaneceu durante moito tempo invisibilizada nos relatos históricos.
O ciclo arrancará dentro da 53 Semana de Música do Corpus – Festival Cidade de Lugo. A primeira cita será o sábado 23 de maio de 2026 ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo, onde a intérprete canadense Tobie Miller ofrecerá un concerto centrado na interpretación histórica da zanfona barroca. A artista mostrará unha visión afastada dos tópicos folclóricos, situando o instrumento no ámbito da música barroca e do virtuosismo instrumental.
Ao día seguinte, o domingo 24 de maio de 2026, Tobie Miller impartirá no CENTRAD un curso especializado sobre zanfona barroca entre as 10:30 e as 13:30 horas e entre as 16:00 e as 19:00 horas. O obradoiro abordará cuestións relacionadas coa afinación, a ornamentación, os bordóns e a adaptación de repertorios escritos orixinalmente para violín e violonchelo. Tamén se traballará sobre fontes históricas e criterios de interpretación da música antiga aplicados ao instrumento.
A formación explorará especialmente o repertorio francés do século XVIII para vielle, o seu contexto histórico e os aspectos estilísticos e técnicos necesarios para interpretar esta música desde unha perspectiva historicamente informada. Durante o curso trataranse cuestións como a articulación, a dixitación, a ornamentación, as notes inégales, o fraseo, a dinámica e os métodos interpretativos da época.
O programa continuará o 19 de setembro de 2026 cun concerto da cantante e zanfonista Bea Peña, especializada en música antiga e medieval. Xunto ao ensemble Entrebescant presentará “El cantar del destierro”, un proxecto que combina repertorio medieval escrito e música de tradición oral das terras peninsulares.
O domingo 20 de setembro de 2026 desenvolverase tamén no CENTRAD un novo curso, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas, centrado nesta ocasión no repertorio medieval interpretable con zanfona. Traballaranse cantigas de Alfonso X e Martín Codax, así como repertorio polifónico, abordando aspectos relacionados coa afinación, os bordóns, os modos e as posibilidades rítmicas do instrumento no contexto medieval.
Os organizadores subliñan que o obxectivo destes encontros é converter Lugo nun espazo vivo de transmisión, aprendizaxe e intercambio arredor da zanfona, abrindo o instrumento tanto á comunidade musical como ao público xeral.