Lugo rende homenaxe a Begoña Caamaño cunha lectura pública no templete da Praza Maior

As plataformas Queremos Galego e Lugo Lingua Viva organizaron no templete da Praza Maior de Lugo unha lectura pública de textos da escritora Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, baixo o lema “Begoña Caamaño nas nosas voces”.
Durante o acto léronse fragmentos da súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul, na que se destacou a calidade literaria da autora á hora de reinterpretar os mitos clásicos desde unha perspectiva feminista. Tamén se compartiron textos de Morgana en Esmelle, onde se puxo en valor a capacidade narrativa de Caamaño para tratar a Materia de Bretaña en diálogo coa obra de Álvaro Cunqueiro, dando voz propia á figura lendaria de Morgana. A lectura desta primeira parte da homenaxe correu a cargo de Eva Teixeiro, Xulieta Insagaray, Lola Caión, Santi Quiroga e Brenda Mondelo.
O encontro tamén serviu para reivindicar a faceta xornalística da autora, sempre comprometida coa defensa do feminismo, dos dereitos laborais e da lingua galega. Desde a organización lembraron que “estaba vencellada a todas as causas xustas” e destacaron a súa implicación a través de artigos que reflicten a súa coherencia ideolóxica en todos os ámbitos da súa vida.
Na voz de Maite Ferreiro, Luz Darriba e Branca Pazos recuperáronse textos da súa produción xornalística, subliñando a súa relevancia para comprender a traxectoria vital e intelectual da escritora. O acto concluíu lembrando tamén a súa solidariedade co pobo palestino e recuperando reflexións que Caamaño expresou ao longo do tempo.
Finalmente, as entidades organizadoras animaron á participación na manifestación en defensa da lingua galega prevista para o 17 de maio ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, para a que se habilitarán autobuses dende Lugo.