Lugo rende homenaxe a San Froilán cunha ofrenda na Catedral e unha xornada marcada pola música e a tradición

GaliciaXa | LugoXa
A Corporación Municipal participou no acto relixioso na Catedral, mentres a Banda Filarmónica ofreceu un concerto na Praza de Santa María e o San Froilán Miúdo levou propostas ás rúas
ofrenda floral dia san froilan catedral 2026
5 Oct 2026

A Corporación Municipal de Lugo, presidida pola alcaldesa, Elena Candia, participou este domingo na tradicional ofrenda a San Froilán, patrón da cidade, nun dos actos máis vinculados á celebración do 5 de outubro.

A comitiva municipal, acompañada por outras autoridades, partiu da Casa do Concello cara á Catedral de Lugo, onde tivo lugar o acto relixioso presidido polo bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Durante a celebración realizouse a tradicional ofrenda ao patrón, que este ano correu a cargo de Adriana López e Candela García, dúas amigas de sete anos.

A Banda Filarmónica, dirixida por Martínez Sabio, acompañou a comitiva ata a Catedral e, posteriormente, ofreceu na Praza de Santa María un concerto dedicado aos músicos de Lugo. O recital serviu para lembrar o patrimonio musical da cidade e recoñecer a figuras como Xoán Montes e Manuel López Varela, ademais de poñer en valor o legado dos músicos que forman parte da historia de Lugo.

A celebración estendeuse tamén polas rúas durante a mañá, con diferentes pasarrúas, Xigantes e Cabezudos e actuacións de agrupacións musicais en distintos puntos da cidade. Estas propostas contribuíron a trasladar o ambiente festivo do San Froilán aos diferentes barrios e espazos de Lugo.

A programación incluíu tamén actividades do San Froilán Miúdo, dirixidas especialmente aos máis pequenos e ás familias. Entre elas estivo a actuación de Pica Pica na Horta do Seminario e o espectáculo itinerante de Diminuts, que levou o teatro ás rúas da cidade.
O programa infantil e familiar complétase con diferentes espectáculos, xogos, obradoiros e propostas de maxia, ademais do Festivaliño Xacobeo, que inclúe a que se presenta como a sala de cine máis pequena do mundo.

Deste xeito, a celebración do San Froilán combinou a tradición relixiosa e institucional coa música e cunha programación pensada para achegar a festa a diferentes públicos e encher de actividade as rúas de Lugo.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

 

 

0.15461683273315