Lugo renovará por catro anos o convenio para habilitar un aparcadoiro gratuíto xunto á igrexa do Carme

LugoXa
O Concello e a Confraría do Carme tamén ratifican a súa colaboración para culminar a rehabilitación da capela e impulsar novos usos culturais e relixiosos no inmoble
Reunión-Concello-de-Lugo-con-Antonio-de-los-Ojos-Confraría-do-Carme
8 Jul 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co presidente da Confraría do Carme, Antonio de los Ojos, na que ambas as partes acordaron renovar por un período de catro anos o convenio de colaboración que permitirá ao Concello habilitar un aparcadoiro disuasorio gratuíto na parcela situada na parte posterior da igrexa do Carme, con acceso desde a rúa Poeta Noriega Varela.

O acordo poderá ser prorrogado por consenso entre as dúas partes, o que facilitará a continuidade deste espazo de estacionamento, situado nun punto estratéxico pola súa proximidade ao Casco Histórico e á Muralla de Lugo. Na actualidade existe un convenio vixente ata o 1 de marzo de 2027, aínda que, malia estar formalizado, o aparcadoiro nunca chegou a entrar en funcionamento.

Durante a reunión celebrada na Alcaldía tamén se abordou a continuidade da colaboración institucional para completar a rehabilitación da Capela do Carme. Neste ámbito, o Concello manterá a cooperación coa Consellería de Cultura ata a finalización das actuacións de recuperación do inmoble. Pola súa banda, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 140.000 euros na reparación dos danos estruturais da cuberta, unha intervención considerada fundamental para garantir a conservación do edificio e avanzar na súa restauración integral.

Elena Candia expresou ademais o seu desexo de que, unha vez rematadas as obras, a igrexa do Carme se converta nun elemento dinamizador do barrio, aproveitando a súa localización no Camiño de Santiago. A alcaldesa sinalou que o espazo poderá acoller concertos, actividades culturais e celebracións relixiosas, sempre en colaboración co Bispado, a Confraría do Carme e outras institucións, co obxectivo de contribuír á revitalización desta contorna do Casco Histórico.

A rexedora tamén quixo destacar o labor que desenvolve a Confraría do Carme, da que salientou a súa capacidade para buscar financiamento e executar os proxectos dentro dos prazos establecidos. Segundo indicou, este xeito de traballar está a favorecer a recuperación e posta en valor dun espazo patrimonial de especial relevancia para a cidade.

0.12582993507385