Lugo reunirá seis mulleres para poñer en valor o papel feminino no medio rural

LugoXa
A actividade, organizada pola Concellería da Muller, terá lugar o 15 de outubro no Vello Cárcere e contará con dúas mesas de diálogo
xornada dia muller rural lugo cartel
8 Oct 2026

A Concellería da Muller de Lugo organizará o vindeiro 15 de outubro, con motivo do Día da Muller Rural, a xornada "Mulleres que fan territorio", unha iniciativa que reunirá no Vello Cárcere seis mulleres con traxectorias profesionais e vitais diferentes, pero unidas pola súa relación co territorio e co desenvolvemento do medio rural.

A proposta pretende dar visibilidade ao papel que desempeñan as mulleres na realidade económica, social e profesional do rural, achegando experiencias diversas que permitan coñecer distintas perspectivas sobre a situación actual e o futuro dos territorios rurais.

A concelleira de Muller, Aurora Goás, salientou a importancia de reivindicar esta realidade e destacou que "falar da muller rural é falar tamén de territorio, de actividade económica, de tradición e de futuro". Neste sentido, sinalou que en Lugo existen mulleres que, desde ámbitos profesionais moi diferentes, contribúen diariamente a manter vivo o rural e a crear novas oportunidades.

"Esta xornada quere precisamente darlles voz e visibilidade", afirmou a responsable municipal, que puxo así o foco na diversidade de perfís que participarán na actividade.

A programación estará dividida en dúas mesas de diálogo. A primeira contará coa participación de María José Bande Castro, doutora enxeñeira agrónoma e investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Sara Ruiz Rubio, veterinaria e investigadora natural de Triacastela; e Alexandra Gual, avogada.

As tres participantes achegarán as súas experiencias desde diferentes ámbitos profesionais, abordando cuestións relacionadas coa agricultura, a investigación, a innovación, a veterinaria, o emprendemento e os servizos profesionais vinculados ao medio rural.

A segunda mesa estará formada por Dolores Pacios Simón, panadeira xubilada de Adai; Mª José Fernández Veiga, vinculada a unha explotación leiteira en Breval; e María Leidé González Vázquez, vinculada a unha explotación gandeira en Senda María de Bóveda.
Neste caso, as intervencións permitirán coñecer experiencias persoais e profesionais directamente relacionadas cos oficios tradicionais, coa gandaría e co traballo familiar, así como co mantemento e a continuidade dos proxectos de vida no medio rural.

A través destas seis voces, a xornada pretende ofrecer unha visión plural sobre o papel das mulleres na construción e no mantemento do territorio. As diferentes traxectorias permitirán combinar coñecemento especializado e experiencias en primeira persoa, poñendo en común realidades profesionais e vitais diversas.

A iniciativa da Concellería da Muller busca así achegar á cidadanía exemplos de mulleres que desenvolven a súa actividade en distintos sectores e que manteñen unha estreita relación co rural, contribuíndo desde os seus respectivos ámbitos á súa actividade económica e social.

A celebración do Día da Muller Rural servirá deste xeito como marco para reivindicar o protagonismo feminino no presente e no futuro do territorio, dando a coñecer tanto o traballo ligado aos sectores tradicionais como novas formas de actividade profesional, investigación e emprendemento.

0.1554548740387