Lugo revive a súa esencia romana cunha visita teatralizada polo Día Internacional dos Museos

O Concello de Lugo celebrará o Día Internacional dos Museos cunha iniciativa de maneira simultánea en diferentes espazos da Rede Museística Municipal e da cidade, cun programa pensado para todos os públicos e co obxectivo de achegar á cidadanía o patrimonio histórico, artístico e cultural de Lugo dunha maneira participativa e accesible.
As actividades previstas son as seguintes:
- 16.00 horas | Obradoiro de amuletos: “Circe, Morgana e o herbario galaico-romano”. Sala Porta Miñá
- 17.00 horas | Visita teatralizada “Vive Lugo como en Roma”, unha visita teatralizada que permitirá ás persoas participantes viaxar ao pasado para descubrir como era a vida cotiá na antiga Lucus Augusti. A proposta combina historia, cultura e diversión a través dunha experiencia inmersiva con representacións en directo, relatos e explicacións sobre os costumes e tradicións da época romana. Con saída desde a Casa dos Mosaicos, as persoas asistentes poderán coñecer rituais, curiosidades e lendas da antiga Roma, ademais de percorrer as rúas de Lugo como o facían os seus antepasados.
- 17.00 horas | “Cruces mitolóxicas: cruces de pedra e mitos”. San Roque
- 18.00 horas | Obradoiro “Dous artistas: crea a túa propia obra de arte”. Porta Miñá
- 18.00 horas | Concerto de Traspielas. MIHL
As persoas interesadas en participar nas actividades poden formalizar a súa inscrición na Oficina Municipal de Turismo ou a través do teléfono 982 25 16 58.