Lugo terá unha mesa redonda sobre a conquista da democracia con protagonistas dos anos 60 e 70

LugoXa
O encontro contará coa intervención de Carlos Dafonte Díez, Lois Diéguez Vázquez, Antonio Gato Soengas, Alfredo Sánchez Carro e Cándido Sánchez Castiñeira
sesenta-anos-valle-inclan
19 Apr 2026

O Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo acollerá o vindeiro xoves 23 de abril, ás 19:30 horas, a mesa redonda titulada A conquista da democracia, un encontro que reunirá a políticos lucenses que estiveron en activo durante as décadas dos anos 60 e 70.

O acto, organizado polo club cultural e cineclub Valle-Inclán, pretende recuperar a memoria dunha xeración clave no tránsito desde a ditadura á democracia, ofrecendo unha oportunidade única para escoitar en primeira persoa as experiencias de quen participou, desde distintas posicións, no cambio político vivido na segunda metade do século XX.

A través desta mesa redonda abordarase como era a vida e a actividade política naquela época, marcada pola ditadura existente en 1966 tanto en Galicia como no conxunto do Estado, así como as aspiracións e accións daqueles que traballaron por un sistema democrático. Tamén se abrirá o debate sobre se a democracia foi unha concesión das elites ou unha conquista cidadá lograda con esforzo e sacrificio.

Os participantes reflexionarán, ademais, sobre a evolución da sociedade desde entón ata a actualidade e ofrecerán a súa visión sobre o presente e o futuro do sistema democrático, nun contexto no que o mundo e Galicia experimentaron profundas transformacións.

O encontro contará coa intervención de Carlos Dafonte Díez, Lois Diéguez Vázquez, Antonio Gato Soengas, Alfredo Sánchez Carro e Cándido Sánchez Castiñeira, mentres que a moderación correrá a cargo do profesor e articulista Santiago Fernández Rocha. A organización anima á cidadanía a asistir e participar neste espazo de reflexión e memoria colectiva.

0.12131786346436