LugoMáxico chega á cidade de Lugo a finais de maio

LugoXa
Presentouse a 18 edición da Semana Internacional da Maxia de Lugo Lugomáxico, que este ano terá lugar entre o 24 e o 29 de maio.
lugo maxico cartel
19 May 2021

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua presentou, xunto co Mago Rafa e o Mago Teto a 18 edición da Semana Internacional da Maxia de Lugo Lugomáxico, que este ano terá lugar entre o 24 e o 29 de maio.

Catro espazos da cidade acollerán un total de 36 actuacións para público familiar, das cales 34 serán de balde e só 2 de pago. As actividades terán lugar no Auditorio Municipal, no Museo Mihl, O Vello Cárcere e na Canella do Hospital.

A Deputación destacou que “este Lugomáxico terá presenza nos espazos culturais máis coñecidos como o MIHL, o Vello Cárcere ou o auditorio municipal, ademais contamos este ano como novidade coa Canella do Hospital, un espazo moi útil para as actividades culturais”.

PROGRAMA

O LugoMáxico 2021 comezará coa Gala Máxica Galega, unha gala con catro magos galegos de catro estilos diferentes fusionados nun só espectáculo para toda a familia. A Gala Máxica Galega será o vindeiro luns, 24 de maio ás 18 horas, no auditorio Gustavo Freire.

Entre o martes 25 e o venres 28, cada unha das ubicacións contará con tres pases (17:00, 18:30 e 20:00) do espectáculo de cada un dos magos convidados.

O martes 25 comezarase no Vello Cárcere cunha actuación de Xulio Merino. O museo mihl acollerá a Alejandro Revuelta, un ilusionista e escritor e, finalmente, na Canella do Hospital actuará o Mago Paco.

En canto ao mércores 26, as actuacións estarán a cargo de Javi Rufo no Vello Cárcere, Dania Díaz no Museo Mihl e Iván Santacruz na Canella do Hospital.

O xoves 27 actuará Pedro Aragonés no Vello Cárcere, Greca no Museo Mihl e Oliver & Liuba na Canella do Hospital. A penúltima xornada, que se celebrará o venres 28, estará composta por Martilda no Vello Cárcere, Oscar Escalante no Museo Mihl e Nando Caneca na Canella do Hospital.

A gala final do LugoMáxico 2021 terá lugar o sábado 29, ás 20 horas no Gustavo Freire, co espectáculo 100% Daortiz, de Dani DaOrtiz un espectáculo que mestura unha técnica exquisita cun sentido do humor tolo. Daortiz é considerado na actualidade un dos mellores cartomagos do mundo. Aos 12 anos visitou o círculo máxico de Sevilla e descubriu a maxia da man de Mario o Mago, despois comezou a aprender doutros grandes artistas como Juan Escolano, Lennart Green ou Juan Tamariz, que influíron na súa forma de presentar e concebir a súa maxia.

Todas as actividades do Vello Cárcere, do MIHL e da Canella do Hospital serán de entrada gratuíta ata completar a cabida do recinto. As dúas galas terán un prezo de entrada de 5€.

Lugo maxico
0.15356111526489