Máis de 2.000 persoas participaron en Lugo na manifestación convocada pola Plataforma Lugo pola Vivenda Digna

Máis de 2.000 persoas participaron na manifestación pola vivenda celebrada onte en Lugo, segundo as cifras facilitadas pola organización. A manifestación xorde tamén no contexto da folga xeral do 11N.
A mobilización, convocada pola Plataforma Lugo pola Vivenda Digna, partiu ás 18:00 horas do edificio multiusos da Xunta e rematou fronte á Casa do Concello, onde a nova plataforma se presentou publicamente como un espazo de organización de colectivos sociais e veciñanza para reclamar un modelo de acceso á vivenda alternativo ao actual.
A plataforma defende que a vivenda debe entenderse como un ben fundamental e non como un activo financeiro. Desde a organización valoraron a resposta á convocatoria como un éxito e expresaron a súa expectativa de que a participación se incremente nas próximas asembleas. Á manifestación tamén se sumaron outras entidades que decidiron adherirse á convocatoria.
O traballo da plataforma parte da análise da situación da vivenda en Lugo e inclúe o seguimento dos proxectos que se están a desenvolver actualmente en San Fiz e no PIA do Sagrado Corazón. A partir deste coñecemento da realidade local, o colectivo pretende formular e impulsar medidas concretas en materia de vivenda para a cidade.
A Plataforma Lugo pola Vivenda Digna continuará coa súa actividade nas próximas semanas. A seguinte cita será o xoves 19 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Madia Leva, onde celebrará unha nova asemblea aberta á participación da cidadanía.