Maite Ferreiro destaca, no día internacional do Jazz "a importancia deste xénero na programación de Lugo"

LugoXa
Na última edición do Festival de Jazz de Lugo contouse con Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés Royal Quartet, entre outros
Presentación-Festival-de-Jazz-Lugo-25
30 Apr 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, puxo en valor o papel do jazz na programación cultural de Lugo, coincidindo coa celebración na xornada de hoxe do Día Internacional da Música Jazz. Ferreiro destacou a relevancia deste xénero dentro da oferta cultural da cidade, e afirmou que “nas últimas semanas do ano, Lugo énchese da mellor selección do jazz internacional”, destacando o Festival de Jazz de Lugo como unha cita de referencia tanto para o público local como para visitantes.

Ferreiro lembrou que na última edición do Festival de Jazz de Lugo participaron artistas de primeiro nivel como Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés Royal Quartet, entre outros, o que demostra "a aposta por unha programación de calidade e de proxección internacional", dixo Ferreiro.

Ferreiro destacou que a aportación do Concello a este evento se realiza a través das subvencións da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua destinadas a asociacións culturais e a actividades turísticas, que no 2025 ascenderon a 17 subvencións nominativas que permitiron, segundo explicou Maite Ferreiro "garantir unha parte importante da programación cultural de Lugo e a continuidade de asociacións cun importante arraigo en Lugo". No último ano, o Goberno de Lugo investiu 181.400€ nestas actividades, entre as que figuran a Semana de Cine de Lugo, o Correlingua, o Festival de Jazz ou a gala Mestras e Mestres da Memoria, "actividades xa consolidadas no calendario cultural lucense", explicou Maite Ferreiro, que destacou tamén "as actividades de promoción turística", como o Concurso de Tapas ou a Semana Santa.

0.12151694297791