Manuel Pena, xerente de Reino Animal: “Poder despedir unha mascota reconforta as familias”

Jessica Fernández
Como xorde a posta en marcha de Reino Animal?
Xorde porque non había ningún tanatorio de mascotas en Lugo, algo que xa ten unha forte implantación en case toda España. A Galicia chegou primeiro ás grandes cidades, A Coruña e Vigo, e nós fomos o cuarto de Galicia, en Lugo. Era unha necesidade, xa que hai unha proporción moi grande entre o número de habitantes e o número de mascotas na provincia, polo que decidimos poñelo en marcha en 2024. Fomos coñecendo pouco a pouco o mundiño e evolucionamos á vez que a xente decidía acudir a nós.
Que servizo se ofrece?
Como en calquera tanatorio, hai unha sala de despedidas, onde se expón o animal e na que se dedica un tempo a que a familia poida despedirse antes de levalo a incinerar. Hai xente á que lle consola darlle o último adeus, porque pode ser que unha mascota morrese en Lugo, pero que un membro da familia non viva aquí e non puidese despedirse, polo que aquí pode facelo. Entón ofréceselles esa posibilidade e é unha forma de darlles certo consolo ás familias. E ademais diso, temos o servizo de crematorio. Polo que, despois da despedida, procédese á incineración, que pode ser individual ou colectiva. Na individual incinérase o animal só, igual que pasa cos humanos, recóllense os seus restos, prepárase unha urna e faise un recordo para todo o mundo da pegada, que se estampa en arxila e se pon un marco co seu nome para que teñan un bonito recordo da súa patiña. Tanto a despedida, para quen a queira facer, como a urna modelo básico e a pegada están incluídas no servizo básico de incineración individual. Despois, ademais, temos unha infinidade de produtos funerarios que aumentan o prezo segundo desexe quen contrata o servizo. Con respecto á incineración colectiva, é moito máis económica, non hai devolución de cinzas, porque se incinera xunto con outros animais. O detalle da pegada estampada pódese facer, pero cóbrase á parte. E tanto un servizo como o outro inclúe a recollida do cadáver, ben no domicilio, ben na clínica veterinaria ou onde sexa. Con respecto á entrega das cinzas, realízase onde se fixo a recollida sen custo adicional, sempre e cando sexa en Lugo e municipios limítrofes. Tamén facemos servizos arredor de Galicia, en Asturias, Castela e León… pero ten un sobrecusto.
Cales son as tarifas?
O servizo individual, con animais de 0 a 5 quilos, porque isto vai por quilos, estaría por debaixo dos 200 euros. Se é un animal de máis de 50 quilos, o prezo serían 290 euros, con todo o servizo. E, no caso das colectivas, van desde 45 ata 95 euros. Realmente, é asumible e a xente descoñece o que é o servizo completo, pero hai un traballo detrás para quen o necesita, como facer a despedida, na que temos que preparar a sala, exponse o animal detrás dun cristal e recibimos a xente durante o tempo que necesiten para despedirse. Ademais, aínda que haxa xente que prefira traer o animal polos seus medios e despois recoller as cinzas, hai quen demanda un servizo completo. Ademais, para quen o necesite, temos o servizo de urxencias, as 24 horas, os 365 días do ano, xa que ás veces morren as súas mascotas ás 3 da madrugada e ao día seguinte teñen que ir traballar e non poden xustificalo e non saben que facer. Chámanos e imos a calquera hora. Evidentemente, o servizo de urxencias ten un custo engadido, o mesmo que en domingo ou nun festivo.
Que valor ten para o dono dunha mascota poder despedirse?
Moitísimo. Ofrecemos un servizo de auxilio espiritual, sen ter nada que ver con ningún tipo de relixión, pero que axuda a dar o primeiro paso para superalo. Ver que a túa mascota, que ás veces é o que máis queremos nas nosas casas, marcha e poder despedirte dela dá tranquilidade ás familias e fai que se sintan un pouco máis reconfortadas; polo que nós ofrecemos un espazo onde facelo. É un traballo que non se ve, que non é tanxible, pero é unha parte moi importante do noso traballo e dálle moito sentido a un tanatorio de mascotas, que non é só incinerar mascotas, é todo o que as rodea.
Hai moitos que aínda non coñecen este servizo ou que o coñecen, pero o infravaloran.
A xente descoñéceo, pero coa Lei de Benestar Animal de 2023 non se poden enterrar mascotas, nin nunha propiedade nin en ningún sitio, a menos que se comunique á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia onde se indique o lugar de enterramento xunto cun certificado do veterinario no que se expoña que o animal non morreu dunha enfermidade infecciosa ou contaxiosa, porque nese caso sería obrigatoria a incineración do animal, debido á posible contaminación do solo e/ou da auga. Ese requisito ninguén o cumpre e despois veñen as sancións, porque cando morre un can hai que darlle de baixa o microchip e, para iso, o veterinario ten que achegar un documento no que certificamos que o animal vai ser incinerado. En Lugo, ademais, cando poñan en funcionamento o cemiterio de mascotas, que non é para enterrar, senón para visitar as urnas coas cinzas dos animais, tamén teremos un espazo no que visitar as nosas mascotas falecidas.