Mar Caldas presenta a exposición 'Facedoras de Lugo', unha homenaxe ao traballo feminino no rural

LugoXa | TerraChaXa
A mostra poderá visitarse do 5 ao 18 de marzo no Museo Provincial de Lugo e no Museo Fortaleza San Paio de Narla, en Friol
Facedoras-de-Lugo-Mar-Caldas
20 Feb 2026

A artista Mar Caldas inaugurará o vindeiro 5 de marzo a exposición Facedoras de Lugo, un proxecto fotográfico que poderá visitarse ata o 18 de marzo tanto no Museo Provincial de Lugo como no Museo Fortaleza San Paio de Narla, en Friol. A iniciativa intégrase na programación da Rede Museística de Lugo e dá continuidade a unha liña de investigación artística que a autora desenvolve desde 2014 arredor do traballo feminino.

Este proxecto inscríbese nun percorrido creativo que en 2025 formou parte da exposición individual celebrada no CGAC baixo o título 'Mar Caldas. Mulleres, Traballo e Memoria', centrada na análise e visibilización da contribución histórica das mulleres ás comunidades das que forman parte, unha achega que, segundo a artista, continúa a carecer do recoñecemento social que merece.

Realizado entre o verán de 2025 e o inverno de 2026, 'Facedoras de Lugo' prolonga as anteriores series 'Facedoras de Bueu' (2017-2018) e 'Facedoras de Baixo-Miño' (2018-2020), desenvolvidas na provincia de Pontevedra. Nesta ocasión, a creadora explora as comunidades rurais lucenses, poñendo o acento nas tarefas que as mulleres desempeñan en relación directa cos animais.

A maior parte das protagonistas retratadas son gandeiras que traballan con vacas de leite e de carne, ovellas, cabras, burros, cabalos, porcos ou cans, aínda que tamén se inclúen veterinarias e apicultoras. O proxecto reuniu 18 fotografías tomadas en concellos como A Pontenova, Guitiriz, Friol, Guntín, Castroverde, Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Páramo, Taboada, Monterroso, Becerreá e Ribeira de Piquín.

As imaxes recollen explotacións de distinto tamaño, moitas delas orientadas á produción ecolóxica e ao traballo con razas autóctonas como a cabra galega, as vacas limiá, vianesa, caldelá e rubia galega, a ovella galega, o porco celta, o podengo galego ou o cabalo de pura raza galega, algunhas mesmo en perigo de extinción.

Da totalidade das imaxes, dez foron seleccionadas para a exposición na Rede Museística. Ampliadas a grande formato, con dimensións que van desde 1,10 por 2 metros ata 1,10 por 1,62 metros, configuran unha mostra representativa da diversidade de traballos documentados, desde gandeirías porcinas, cabalares, ovinas, bovinas ou caprinas ata queixerías, así como das distintas modalidades produtivas e das variadas paisaxes nas que se desenvolven, desde cumios montañosos ata prados e bosques.

O catálogo da exposición inclúe as 18 fotografías e dous textos ensaísticos. Un deles está asinado pola profesora de Historia Contemporánea Ana Cabana, especialista en historia das mulleres e do xénero no ámbito rural, quen contextualiza o proxecto desde unha perspectiva historiográfica e feminista. O segundo texto corresponde á comisaria e crítica de arte Anxela Caramés, que analiza a proposta en diálogo coas prácticas feministas contemporáneas e coa traxectoria artística de Caldas, centrada no traballo feminino.

A diferenza das series anteriores, nesta ocasión as referencias á historia da arte son máis sutís e aparecen integradas na preparación das escenas, a través da escolla da paisaxe, do punto de vista, da composición, da pose ou da relación entre figura e fondo. Mantense, porén, a metodoloxía habitual da autora, que inclúe documentación previa, contacto e conversas coas protagonistas, estudo das localizacións, elaboración de bosquexos, selección coidada das condicións de luz e un minucioso proceso de edición.

Con 'Facedoras de Lugo', tal e como explica Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Provincia de Lugo, "Mar Caldas non só recupera e pon en valor o patrimonio laboral feminino do rural galego, senón que tamén visibiliza a presenza de novas xeracións de mulleres emprendedoras que reinterpretan tarefas tradicionais achegando formación técnica e mantendo un forte vínculo emocional co territorio. A proposta reivindica o papel vertebral do sector primario na economía, cuestiona a xerarquía entre cidade e campo e subliña a necesidade de reocupar e revitalizar os espazos rurais desde unha perspectiva ecolóxica e social".

⚙ Configurar cookies
0.090736865997314