María Fernández: “O Club de Lectura de Lugo é un espazo aberto para expresarse e escoitar”

LugoXa
María Fernández, coordinadora do Club de Lectura de Lugo, pon en valor as xuntanzas sobre diferentes lecturas como “terapia” para a sociedade
Club-de-Lectura-Lugo
20 Apr 2025

Jessica Fernández

“Crear comunidade nun espazo acolledor, fomentar o diálogo e xerar unha actividade de ocio gratuíta e aberta a toda a cidade” son os obxectivos que persegue o Club de Lectura de Lugo, que xorde hai oito anos da man da súa coordinadora, María Fernández, que volve a Lugo despois de varios anos vivindo fóra e “votaba de menos asistir a actividades culturais que se adaptaran ao meu horario”.

Fernández, autónoma, traballa de luns a venres ata as 21.00 horas, polo que as iniciativas culturais da cidade amurallada non encaixaban, moitas veces, coa súa disponibilidade; e, ademais, como amante dos libros, viu a necesidade de promover un clube de lectura que puidera ter lugar os sábados. Así, naceu o Club de Lectura de Lugo, que xa conta na actualidade con arredor de 60 integrantes, dos que participan, asiduamente, entre 15 e 20 persoas.

“Ao principio, xuntabamos de maneira bohemia e informal en bares, onde falabamos dos libros que liamos, pero tivemos que parar de xuntarnos na pandemia. Logo desta, decidimos retomalo e atopamos moito interese e demanda para participar nos nosos encontros, xa que moita xente mostraba un gran interese pola literatura e por poder falar nun espazo seguro de diversas temáticas, polo que contactamos coa Área de Cultura do Concello de Lugo para ver se podiamos reunirnos nalgún lugar público e xuntarnos todos. Así, cedéronnos unha cela do segundo andar do Vello Cárcere, un espazo que valoramos moitísimo”, explica María.

Concretamente, valora “a súa posición céntrica, pero sobre todo a historia do edificio, xa que é bonito reivindicar a historia da xente que sufriu alí e que agora ese espazo sirva como un espazo de comunidade para compartir e reunirnos. Ademais, gústanos porque, ás veces, coincide co noso clube de lectura algunha exposición ou concerto e iso tamén nos nutre como persoas, porque podemos sorprendernos con algo interesante”, destaca.

FALAR E ESCOITAR

No Vello Cárcere, María Fernández tamén destaca a acústica, xa que a cela recolle ben o son e poden falar nunha mesa redonda escoitándose unhas a outras. “Este espazo permítenos estar máis cómodas para falar e escoitarnos sen ter que alzar a voz. É algo importante para cada unha de nós pero tamén para a sociedade, xa que fai falta escoitarse con calma”, explica.

Ademais de crear comunidade, o diálogo interxeracional “é unha das nosas inquedanzas, polo que o fomentamos a través de diversos temas que nos preocupan. Eliximos un libro, lémolo e xuntámonos para compartir o que nos transmitiu esa lectura, reflexionando e compartindo as nosas perspectivas, así como escoitando ás outras persoas para comprender a súa perspectiva e poder facer unha instrospección, para así chegar a outras conclusións que, sos, non chegariamos. É unha terapia para as participantes, porque comparten vivencias persoais a través das historias dos libros, xa que hai xente que se pode sentir identificada cunha situación ou personaxe e poñerlle voz, expresalo e abrirse é un exercicio de honestidade contigo e tamén dos demais por escoitarte e empatizar”, pon en valor María.

Por iso, desde o Clube de Lectura de Lugo cren que estas actividades promoven un cambio na sociedade. “Achegamos ideas novas ás persoas participantes para que poidan cambiar a súa visión, abran a súa mente e sexan máis acolledoras e comprendan outras realidades. Por exemplo, hai meses limos ‘A mala educación’, que fala da infancia dunha nena trans e había persoas que non se sentían abertas e este tema, pero despois do encontro tivemos unha charla tamén cunha persoa de Arelas e xurdiron novas perspectivas. Ao final, cambiou a nosa forma de ver as cousas, un cambio interno de expoñerse a ideas novas”. Ademais, a coordinadora do grupo sostivo que tamén se abren a novas ideas literarias, como a poesía: “Eu sempre intento facer un encontro de poesía porque é un xénero complicado”.

O FUTURO

O Club de Lectura de Lugo ten como proxecto máis urxente constituírse como asociación, xa que agora son un grupo de xente que se reúnen sen outro fin que compartir lecturas, pero María Fernández considera que se poderían facer máis actividades de ter apoio. “Intentamos facer cada poucos meses  encontros con autores de libros e gustaríame contar con apoio económico para formalizar estes eventos, porque cae o peso nos propios membros, xa que se lles fai un agasallo. É responsabilidade nosa ter que constituírnos e poder solicitar esas axudas, polo que é algo no que temos que proceder, porque ademais hai interese, asiste xente, fálannos polo correo electrónico e polo tanto deberiamos darlle forma e seguir crecendo”.

Ademais, comenta que xa fixeron rutas por Lugo, participaron dunha maridaxe para probar viños... “Estamos abertas a facer algunha ruta literaria ou desprazarnos a algún  lugar da provincia con importancia literaria para coñecer ese lugar e poñelo en valor desde a perspectiva dun Clube de Lectura... en definitiva, mellorar e seguir crecendo, ofrecéndolle á sociedade lucense un espazo para compartir reflexións e experiencias”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.18882703781128