Max Minosyan ofrecerá un faladoiro e un concerto gratuíto de piano no Conservatorio Xoán Montes de Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova organiza o encontro o 19 de novembro, cunha sesión aberta ao público ás 18:00 horas e un recital ás 19:30 horas con obras de Bach, Beethoven, Liszt e Rachmaninov
Max Minosyan
14 Nov 2026

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova achegará á comunidade educativa lucense a experiencia do pianista Max Minosyan, solista convidado do seu Concerto de Solistas 2027, cunha xornada musical o vindeiro xoves 19 de novembro no auditorio do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. A proposta combinará un faladoiro e un concerto de piano, ambos con entrada libre e gratuíta.

A actividade comezará ás 18:00 horas cun encontro aberto ao alumnado, profesorado e público en xeral, no que os asistentes poderán coñecer a traxectoria do intérprete, a súa visión artística e distintos aspectos da preparación e interpretación musical. O faladoiro ofrecerá tamén ao alumnado do Conservatorio a oportunidade de formular preguntas e achegarse á experiencia profesional dun solista convidado.

Posteriormente, ás 19:30 horas, Max Minosyan ofrecerá un recital de piano cun programa que incluirá obras de Johann Sebastian Bach, Ludwig van Beethoven, Franz Liszt e Sergei Rachmaninov. O concerto permitirá percorrer diferentes épocas e estilos do repertorio pianístico.

Esta iniciativa forma parte da vocación formativa de Terra Nova, que concibe a práctica orquestral non só como unha actividade artística, senón tamén como un espazo de aprendizaxe, convivencia e desenvolvemento musical. A través de encontros con intérpretes convidados e actividades abertas, a formación busca complementar a preparación dos seus integrantes e favorecer o intercambio de experiencias coa comunidade educativa.

A proposta reforza tamén a colaboración co Conservatorio Xoán Montes e o compromiso da orquestra coa difusión da música clásica e a actividade cultural na cidade. A xornada enmárcase na programación previa ao Concerto de Solistas 2027, no que Minosyan participará como solista convidado.

0.16373610496521