Medio Rural destaca en Palas de Rei o investimento do Plan Camiña Rural para mellorar a rede viaria municipal

LugoXa
A conselleira María José Gómez salienta a importancia destas actuacións para o acceso ás explotacións e a prevención de incendios, mentres o Concello cifra en 270.000 euros o investimento recibido desde 2023
Plan-Camiña-Rural-Palas-de-Rei
28 Jul 2026

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou as actuacións executadas en Palas de Rei ao abeiro do Plan Camiña Rural, un programa da Xunta que financia anualmente a mellora e acondicionamento de vías municipais que dan servizo ás aldeas e ás explotacións agrogandeiras e forestais de Galicia.

Durante a visita, Gómez explicou que este plan conta cun orzamento anual de entre 19 e 20 millóns de euros, repartidos entre todos os concellos galegos para executar obras de reparación ou creación de camiños rurais que faciliten a mobilidade e o acceso ao territorio.

A conselleira cualificou esta liña de axudas de "esencial para mellorar os viais rurais" e subliñou tamén a súa importancia no actual contexto de seca. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter protexidos os núcleos de poboación mediante a limpeza das faixas secundarias de protección, libres de maleza, como unha das medidas de prevención fronte aos incendios forestais.

Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, destacou que o municipio recibiu desde o ano 2023 preto de 270.000 euros a través do Plan Camiña Rural. O rexedor definiu este programa como "un piar básico" para conservar e mellorar os servizos nas parroquias e aldeas do concello e agradeceu á Consellería de Medio Rural a súa implicación para impulsar este tipo de actuacións no municipio.

0.12966990470886